Esta exposición individual de Álvaro Negro (Lalín, 1973), titulada Natureza! Estás soa? supón o último paso na obra dun artista que ten evolucionado desde un desenvolvemento conceptual da pintura abstracta cara investigacións noutros medios como a fotografía. Xira en torno ao seu proxecto Monteagudo, un traballo que iniciou en 2009 e que supón unha reflexión ao redor do conxunto escultórico que o artista alemán Ulrich Rückriem realizou nese lugar do interior de Galicia.
A mostra despregáse como unha videoinstalación múltiple e ambiental, con 6 proxectores a rentes do chan que lanzan diferentes planos-secuencias a 6 grandes pantallas. As estelas de granito de Rückriem, as árbores e a vexetación, a terra, a auga, a chuvia, a neve, o ceo..., a paisaxe en xeral protagoniza de cheo estes fragmentos audiovisuais de espazo-tempo, acadando unha evocadora e envolvente sensación atmosférica.
Álvaro Negro (Lalín, 1973), é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ten realizado estudos en Saint Martins College (Londres). Nos seus quince anos de traxectoria acometeu unha decena de exposicións individuais en galerías como Fúcares (Madrid), Carlos Carvalho (Lisboa), Mário Sequeira (Braga) ou SCQ (Santiago de Compostela), así como importantes mostras colectivas. Recibiu as bolsas Fundación Barrié de la Maza (2002) e MACUF (2007). A súa obra figura en coleccións como as de Fundación Coca-Cola, Col. Pilar Citoler, Fundación Barrié, MACUF, Caixanova ou CGAC.
Fonte: Atalaia / Palexco