Desprazamento é unha intervención específica na planta baixa do MARCO que xera un duplicado de medio metro de altura das paredes do museo que, ao seren desprazadas, nos permiten repensar o lugar, ofrecendo perspectivas, itinerarios e circulacións non habituais.
Desprazamento dá título ademais á exposición de Maider López (San Sebastián, 1975), artista cun importante curriculum de intervencións no espazo público e exposicións internacionais. A mostra revisa o seu traballo dos dez últimos anos, no que accións cotiás e realidades comúns son cuestionadas. O espazo urbano e a paisaxe natural dislócanse mediante estratexias que alteran hábitos e relacións, xerando novos espazos ou situacións, novas regras do xogo, convidándonos a repensar a nosa contorna.
Desprazar é “mover ou sacar a alguén ou algo do lugar no que está”, definición que nos dá as claves necesarias para enfrontarnos a estes traballos. Non só porque Maider López utiliza o desprazamento como recurso para crear situacións de estrañamento, senón pola súa vontade de xerar un novo lugar mental no que confrontar as nosas ideas preestablecidas.
A exposición é unha coprodución de MARCO de Vigo e Koldo Mitxelena Kulturunea, onde tivo lugar entre outubro de 2015 e febreiro de 2016. Ademais da intervención que dá título á mostra, o percorrido polos espazos da planta baixa do MARCO abrangue toda unha serie de proxectos específicos realizados ao longo dos últimos dez anos, e conectados conceptualmente coa peza central da exposición.
No texto “Desvelando as conexións do real”, incluído no catálogo da mostra, a escritora e comisaria Fulya Erdemci formula como Maider López, a partir de traballos non exentos de humor, e que a miúdo implican a participación activa de persoas de distintos ámbitos, fainos experimentar co estado das cousas mediante sutís cambios, pequenas alteracións e movementos na súa orde:
“A través de detalles da vida cotiá, dos espazos que nos rodean ou das relacións triviais e ordinarias entre as persoas, nos seus proxectos imos entendendo a estrutura e a orde das cousas e facémonos conscientes da súa fraxilidade, comprendendo que facilmente poderían ser doutra maneira”.
Fonte: MARCO de Vigo