Atalaia

Anna Maria Maiolino. De... Para..., da serie Fotopoemação, 1974. Acción fotografiada
> Anna Maria Maiolino
Datas: 04/02/2011 - 01/05/2011

Comisariado

Helena Tatay

Descrición

O CGAC acolle a primeira mostra retrospectiva en Europa da artista brasileira, de orixe italiana, Anna Maria Maiolino (Calabria, 1942). Trátase dunha mostra copodrucida pola Fundació Tápies de Barcelona, e o Konsthall de Mälmo, Suecia, comisariada pola barcelonesa Helena Tatay, e que se distribúe polas salas do vestíbulo, espazo dobre e planta baixo do centro.

Ofrece un percorrido de cincoenta anos pola traxectoria profesional desta artista que pertence a unha xeración que contribuíu decisivamente a unha definición expandida do obxecto artístico. No caso de Anna Maria Maiolino, a confluencia dunha matriz posconceptual cunha sensibilidade única desenvólvese a partir da atención a medios de expresión tan primordiais coma o debuxo e o modelado. Deste xeito, consolídase unha narrativa atenta aos xestos máis modestos do cotián en canto metáforas vitais de tensións individuais e sociais que gañan unha espesura crítica e universal perante o contexto no que se inscriben.

Entre o material exposto, atópanse debuxos, fotografías, películas, rexistros documentais de accións, esculturas e instalacións como a que acolle o vestíbulo de entrada: Uma vez máis (2011), unha serie de creacións polimórficas e efémeras en barro, realizadas a partir de 5 toneladas de arxila sen cocer e que se irán deteriorando durante o transcurso da mostra.

Fonte: CGAC