Atalaia

Vista exterior do proxecto do MARCO Hotel, Vigo
> MARCO Hotel
Datas: 08/04/2011 - 31/10/2013

Descrición

O Espazo Anexo do MARCO de Vigo é unha construción independente do edificio principal do museo, situada na praza peonil posterior, cunha superficie total duns 100 m2. Foi inaugurado en 2004 como sala de proxectos, e dende entón acolleu multitude de exposicións e proxectos, na súa maioría propostas individuais, pensadas especificamente para este espazo, e que en moitos dos casos estaban intimamente relacionadas coas características peculiares do Anexo, coa súa situación fronteiriza e de transición entre a rúa e o espazo expositivo, xogando coa dualidade interior-exterior que é característica deste lugar.

A partir do mes de abril de 2011, iníciase un novo período coa inauguración do “Hotel MARCO”, do artista Michael Lin e rvr arquitectos, un proxecto innovador que consiste en transformar o Espazo Anexo nun cuarto de hotel con distintos usos, e que toma como punto de partida a propia estrutura do Anexo, as súas connotacións, e ese frutífero diálogo entre espazo público e privado.

Michael Lin (Toquio, 1964) é recoñecido internacionalmente polas súas monumentais instalacións de deseños florais, realizadas sobre todo tipo de superficies, e que concibe como procesos arquitectónicos, onde propón unha forma diferente de experimentar o espazo a través da pintura.

rvr arquitectos é un estudio formado polos arquitectos José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez, que desenvolven o seu traballo en Santiago de Compostela dende o ano 2002.

A idea do proxecto xorde da oportunidade de reformar un lugar xa existente e de dotar ao museo dun espazo habitable concibido como proxecto artístico, para poder invitar a comisarios, artistas e investigadores a coñecer o noso contexto, dentro dun programa de residencias. Ademais, calquera persoa interesada poderá utilizalo como cuarto de hotel propiamente dito, logo de reserva e pagamento de tarifa, e gozar da experiencia de albergarse dentro dun espazo expositivo pensado como obra de arte, e situado á vez dentro e fóra das instalacións do Museo.

A estética relacional -ideada polo teórico francés Nicolas Bourriaud para nomear un tipo de instalacións nas que a experiencia entre as persoas, a obra e a realidade conviven e definen o significado- facilita a lectura deste espazo como peza de arte, e compréndese a partir dos traballos de moitos creadores de finais dos anos oitenta e principios dos noventa. O proxecto “Hotel MARCO” enténdese como lugar de intercambio social e como unha sorte de “práctica artística que toma como punto teórico e práctico o todo das relacións humanas e o seu contexto social”, como diría Bourriaud.

Dende a inauguración do 8 de abril, ata o 18 de maio, Día Internacional do Museo, o lugar estará aberto ao público no horario habitual, como espazo expositivo. A partir da devandita data comezará o seu uso como cuarto de hotel, sexa dentro do programa de residencias ou para reservas de particulares.

Fonte: MARCO, Vigo