je, je... luna formula un percorrido polo traballo de María Luisa Fernández (Villarejo de Órbigo, León, 1955) no que se relacionan distintos grupos de esculturas, debuxos e instalacións que, ata a data, non se mostraran de xeito retrospectivo. As obras, producidas entre 1979 e 1997, forman parte de distintos ensaios e achegamentos á figura dun Artista ideal que está presente na produción da escultora ata a súa última mostra individual en 1997.
A exposición iníciase con pezas, obxectos e documentos que pertencen ao período de CVA (Comité de Vixilancia Artística, 1979-1985), un colectivo concibido como “empresa artística” posto en marcha xunto a Juan Luis Moraza entre os anos 1979 e 1985. Esta selección de obras e documentos xorde da reflexión crítica levada a cabo polo grupo en torno aos mecanismos de presentación e recepción das obras, a institución ou o sistema da arte contemporáneo. Tras a súa participación en mostras como Mitos y delitos (Metrònom, Barcelona e Aula de Cultura, CAM, Bilbao, 1985) as súas siglas asócianse ao que se coñece como “Nova escultura vasca”, un grupo de artistas que se converteu en referente das prácticas e os debates artísticos que marcaron a década dos anos oitenta no contexto de Euskadi.
As obras de María Luisa Fernández caracterízanse por incorporar linguaxes artísticas dispares: dende os post do conceptual e o minimalismo a elementos que proveñen dos cruzamentos entre os construtivismos e a tradición da escultura no País Vasco, o seu lugar de formación. Tamén é frecuente o uso de dobres sentidos e xogos de palabras, así como a crítica aos relatos oficiais da historia da arte. A artista mantense atenta á influencia que na década dos oitenta exerceu a recuperación de nocións como autoría, esforzo ou genius loci, temas que son cuestionados de xeito permanente nos seus traballos. Neste contexto, Fernández afirma que, ademais de producir para “ter algo que ver”, é posible traballar para “ter algo que nos mire e co que mirar”, elaborando para iso unha serie de modelos alternativos de Artistas ideais que se contrapoñen na sala de exposicións aos retratos das Figuras de autoridade
Nese diálogo cun tempo e unha escena concreta —cualificada como de “xeración sen querer”— localízanse as obras presentes nesta exposición. Primeiro como parte do colectivo e, tras a súa disolución, de xeito individual, con importantes series de traballos entre as que se atopan: Máculas (1984-1985), Leyendas (1985-1986), Melenas (1988), Esculturas rojas (1989), Burladero (1990) ou Corridas (1996-1997). A mostra inclúe tamén Burlas expresionistas (1993) e Artistas ideales (1990-1997), dúas instalacións que reúnen as principais liñas de investigación desenvolvidas pola artista na súa traxectoria.
Esta exposición é un proxecto de Azkuna Zentroa, comisariado por Beatriz Herráez, que tras a súa presentación en Bilbao chega agora ao MARCO de Vigo, cidade onde vive e traballa a artista. En 1992 María Luisa Fernández fixa a súa residencia en Vigo para incorporarse como docente no Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Esta é a primeira mostra que revisa a súa produción dende finais dos anos noventa, momento en que realiza a súa última exposición individual.
Fonte: MARCO
Entrevista de Beatriz Herraez, comisaria da exposición, a artista María Luisa Fernández