A esencia convertida en poesía
Sobre o ser humano é unha interpretación poética sobre cuestións inherentes ao máis profundo da nosa natureza. Baseándose nunha formulación alegórica de cores e formas, a exposición mostra o inmanente ao ser humano, a razón e, o emocional e o sensible; os seus desexos, os seus medos, o misterioso, e como isto inflúe nel e na súa traxectoria dende a orixe ata o final. A condición humana, quen somos?, de onde vimos?, a onde imos?, que nos inflúe no noso percorrido de principio a fin?, temos capacidade para dirixir a nosa propia vida?, que papel xoga a parte racional e a emocional nese traxecto? O artista formula todas estas cuestións dun xeito poético e envolvente, invitando ao espectador ao deleite e á reflexión, tanto sobre o ser humano como ser universal, como sobre a súa propia experiencia persoal como individuo, buscando así a experiencia subxectiva e interior do devandito observador. Sen tratarse dunha postura dogmática, unicamente formula interrogantes, crea situacións e dúbidas, a partir dunha cuestión filosófica irresoluble.
Mario Valles é o artista da poética e a sensibilidade, cuxos comezos se remontan a principios dos noventa e que evolucionou de modo individual á marxe de agrupacións ou colectivos. Un artista que combina as investigacións sobre a materia e a forma coa súa propia concepción e experiencia de vida. Un creador de obras cuxo discurso teórico baséase en cuestións filosóficas universais tratadas sempre cun extremado carácter intimista. Na súa primeira exposición individual, un proxecto totalmente persoal e froito da investigación estética e conceptual continua, mostra un conxunto de esculturas en pedra, que transforma en formas abstractas e figurativas, no seu particular mundo de alegorías artísticas. Cabe destacar de novo aquí o uso formal, expresivo e metafórico de tres cores, elementos claves na súa obra.
Ademais das diferentes series de esculturas en granito, o artista abre e pecha a exposición cunha serie de catro cadros, A condición humana, e unha instalación de vídeo, Sendeiros, obras nas que as investigacións levadas a cabo na pedra se ven transferidas a novos soportes, explotando novas posibilidades de creación, inferíndolle ás pezas, nun caso, bidimensionalidade e, no outro, a posibilidade de crear pezas tridimensionais baseadas na imaxe audiovisual, o son e o xogo co espazo. Estas dúas obras son ademais, claves conceptuais dentro do percorrido expositivo, actuando a primeira como idea primixenia e pura, e a segunda como conclusión da súa formulación creativa sempre aberta á interpretación e á reflexión por parte do espectador.
Sobre o ser humano é unha exposición na que Mario Valles ispe os seus sentimentos para plasmar a súa perspectiva sobre a condición humana, sobre o devir vital, e faino por medio dunha serie de obras que rodea dunha bruma evocadora que non deixa indiferente a quen as observa."
Texto: Ana Valles Castro (febreiro 2011)
Fonte: Museo Provincial de Lugo