Coa exposición Obras, de Martin Creed, comisariada por Carolina Grau, o MARCO dá un paso máis na liña de proxectos individuais de produción propia, concibidos especificamente para as salas do museo. Esta mostra supón a primeira presentación individual do traballo deste artista en España, grazas á colaboración entre dúas institucións: o MARCO de Vigo e a Sala Alcalá 31 da Comunidad de Madrid (Martin Creed. Cosas, decembro 2011 - febreiro 2012).
Recoñecido como un dos artistas máis interesantes da súa xeración, e gañador do Turner Prize en 2001, Martin Creed combina a súa faceta de artista co seu grupo de música, formado en 1994. Creed está constantemente investigando sobre a natureza básica das cousas, eliminando o accesorio na súa busca do esencial, e creando un mundo de clasificacións, categorías e excepcións inesperadas a través de obxectos, palabras e sons cotiáns.
Na súa proposta para o MARCO, Creed vai un paso máis alá na súa análise sobre a percepción e sobre a experiencia física, xogando coa nosa relación co contorno. Toda a planta baixa está ocupada por unha das súas intervencións, que inunda e á vez baleira o espazo expositivo. Work No. 247. Half the air in a given space [A metade do aire nun espazo dado], 2000, consiste en materializar a metade do aire contido nun espazo por medio dun obxecto cotián. Os globos, elementos lúdicos e festivos da infancia, convértense en colectores de aire, facendo tanxible e visible algo efémero e inmaterial.
Creada por primeira vez en 1998, esta peza adquire nas salas do MARCO unha magnitude completamente descoñecida ata agora, pola súa monumentalidade e polas dimensións das salas: a metade do espazo -un total de 6.863 m3 de aire distribuídos en tres patios, tres galerías, e a rotonda central- aparece cuberto por un mar de globos de cor azul celeste, que alteran por completo a nosa experiencia física e a percepción do espazo. Para poder apreciar a obra, o visitante ten que somerxerse literalmente nela, abríndose paso entre os globos e desencadeando un cúmulo de sensacións contraditorias, que van do pracer á euforia, do benestar á angustia, do xogo á desorientación; e onde o sentido lúdico se combina, en ocasións, con certo matiz ameazador. Segundo avanzamos no espazo, pasamos a formar parte da peza, facendo realidade as palabras do artista: ‘Estás dentro da obra en vez de estar a mirala dende fóra’ [Martin Creed, revista Art World Issue 5, xuño-xullo 2008, p. 37].
A exposición do MARCO inclúe tamén un grupo de obras relacionadas coa música e o son, nunha das salas do primeiro andar: a instalación sonora Work No. 189 Thirty-nine metronomes beating time, one at every speed [Trinta e nove metronómos marcando o tempo, cada un á súa velocidade], 1998, e partituras musicais, reflexo da variedade na obra de Creed, así como da súa faceta de compositor, músico e autor, que considera inseparable do seu traballo como artista visual.
Fonte: MARCO