Hum, do artista Massimo Bartolini, foi a mostra inaugural do novo programa expositivo de Fondazione Musica per Roma, dedicado á arte sonora: One Space/One Sound, un proxecto de tres exposicións ao ano para a sede do AuditoriumArte. En Hum, Massimo Bartolini fai uso dun dos elementos máis presentes no seu traballo: o son. A exposición rende homenaxe a unha das personalidades máis xeniais e visionarias do século XX, Glenn Gould (1932-1982), coincidindo coas celebracións levadas a cabo en 2012 cando se cumprían oitenta anos do seu nacemento e trinta do seu pasamento. As dúas instalaciones sonoras de Bartolini —Hum, e Singing North— están construídas en torno a dúas obras de Gould: as vogalizacións ou tarareos [humming] do músico canadiense na súa segunda gravación das Variacións Goldberg de Bach (1981); e o texto radiofónico The Idea of North (1967), un programa de entrevistas producido por Gould sobre o concepto xeográfico —e filosófico— do norte. O famoso tarareo de Gould na súa gravación ao piano das Variacións Goldberg de 1981, transfórmase aquí nunha partitura vogal autónoma interpretada polo barítono Nicholas Isherwood. A través desta peza sonora, adaptada ás salas do primeiro andar do MARCO —cuxos muros foron pintados de cores para a ocasión, en sintonía coas tonalidades de Sol maior, tema dominante nas Variacións Goldberg— Bartolini transforma o espazo expositivo de forma sorprendente e inesperada, creando unha atmosfera de íntima beleza animada soamente pola presenza incorpórea da voz: unha voz sen corpo que, desprotexida do ego da presenza do artista, atopa agora o seu último significado na interpretación da audiencia. No caso do texto radiofónico, a colaboración entre Bartolini e Isherwood deu como resultado a peza titulada Singing North, na que varios fragmentos do texto orixinal de Gould —descricións de tono filosófico e poético sobre a vida dos canadienses que viven illados no norte do seu país— son recreados e utilizados como libretto.
A performance titulada Lettura, creada especificamente para a exposición no MARCO, rende homenaxe a Gould mediante a lectura en voz alta, por parte do persoal de salas, da famosa novela El malogrado, que Thomas Bernhard lle dedicou tras a súa morte. O conxunto complétase, durante a inauguración, con Phonology of noise: the voice as sound object, retransmisión en vivo dende a web de Radical Matters - Editions/Label series, dunha selección de obras de artistas que experimentaron coa voz dende finais dos anos setenta. A partir de entón, esta gravación está dispoñible para os visitantes na Biblioteca-Centro de documentación del MARCO.
Fonte: MARCO