Este máster da USC (60 créditos ECTS) céntrase no ámbito do coñecemento específico da arte das últimas décadas, abarcando desde aspectos conceptuais e críticos, ata a práctica do mundo dos museos e a xestión da arte contemporánea. Está orientado a todos aqueles que queiran formarse como profesionais especializados no mundo da arte contemporánea: crítica, museos, centros de arte, galerías. Para entender todos estes fenómenos adoptaranse ademais dos métodos tradicionais, modelos transversais combinados con clases e obradoiros de tipo práctico.
Está dirixido a licenciados ou diplomados en Historia da Arte, Historia, Xeografía, Filosofía, Filoloxía, Humanidades, Ciencias da Comunicación, Socioloxía, Belas Artes e Arquitectura, así como a profesionais do sector con experiencia acreditada. Entre o seu persoal docente atópanse profesionais de recoñecido prestixio como Simón Marchán, Estrella de Diego, Gloria Moure, Jesús Carrillo, Joâo Fernandes ou Alberto Ruiz de Samaniego, entre outros moitos especialistas, nacionais e internacionais.
OBXECTIVO. O máster naceu de cubrir carencias do sistema universitario actual mediante a formación especializada na arte do século XX de toda unha xeración de alumnos de carreiras como Belas Artes, Historia da Arte, Filosofía, Ciencias da Comunicación e Humanidades en xeral. Creación, intermediación, xestión e dirección de proxectos artísticos de cara á profesionalización é o obxectivo fundamental deste curso que tenta que as competencias adquiridas teñan a súa aplicación no mundo laboral.
VÍNCULO COA REALIDADE. Co máster inténtase cubrir unha nova demanda social. Nos últimos vinte anos naceron no Eixo Atlántico -o percorrido entre Ferrol e Porto- entre 30 e 40 espacios vinculados coa arte contemporánea. A nova situación obrigaba a facer un esforzo formativo sen precedentes, adaptado a esa realidade. Dous tercios das clases teñen lugar nunha desas institucións: as salas do CGAC.
PRÁCTICAS E ÁMBITO LABORAL. Para facilitar esa relación coa realidade e a inserción laboral do alumnado articulamos un sistema de clases e prácticas adaptado á situación actual do mundo profesional:
- Obradoiros. A cargo de profesionais desas novas institucións e do mundo da crítica de arte. Escrita de críticas en prensa especializada.
- Prácticas. Nas institucións e entidades máis representactivas de Galicia (xunto co CGAC, o MARCO, o MACUF, o Auditorio de Galicia, a feira Espacio Atlántico, a editorial Dardo, entre outras).
- Comisariado de exposicións. Dos alumnos (tanto colectivas como individuais) xurdidas dos propios obradoiros e dun concurso coa ZONA C (espazo para artistas novos xestionado polo Concello de Santiago) ao que só poden acceder os alumnos do máster. Ata o presente xa se fixeron diferentes exposicións (na Fundación Torrente Ballester, na Zona C...) comisariadas polos alumnos, que traballaron con financiamento real e con artistas en activo. En outubro deste ano 2011 inaugurarase outra nova exposición no Colexio de Fonseca (espazos pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela).
- Profesorado de prestixio. Para dar forma a este proxecto non bastaba con botar man dos profesores da USC. Precisabamos contar con moitos técnicos das institucións citadas e con algúns grandes especialistas, todas eles figuras de recoñecido prestixio, tanto nacionais como internacionais, do mundo da arte contemporánea.
ESTRUTURA. O Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemrpoáneas divídese en catro módulos:
- Módulo I. A creación contemporánea. Levarase a cabo unha revisión histórica da evolución da arquitectura e artes plásticas nos seus principais movementos desde as vangardas ata os nosos días, con especial atención a cuestións de deseño, artes visuais e creación e espazos públicos.
- Módulo II. Crítica e estética. Supón a revisión das principais ideas estéticas e teorías da arte da modernidade a través dos textos máis influíntes. Atenderase ao desenvolvemento da crítica de arte contmporánea na prensa e aos ensaios críticos, ofrecendo as ferramentas conceptuais e técnicas básicas para a interpretación profsional da obra.
- Módulo III. Teoría e práctica do museo e outras institucións artísticas. Tratarase de acadar que o alumno adquira unha formación solvente en teoría e lexislación, dirección, documentación, conservación e rexistro, comisariado, programas pedagóxicos, técnicas de montaxe, produción, realización e xestión de proxectos expositivos para museos e institucións de arte contemporánea.
- Módulo IV. Prácticum. Para a obtención do grao de Máster precisararse a realización dun traballo práctico que se desenvolverá ao longo do curso académico. Algúns dos proxectos trataranse de levar á práctica.
ADMISIÓN. Poderán acceder a este Máster, licenciados ou diplomados en Historia da Arte, Historia, Xeografía, Filosofía, Filoloxía, Humanidades, Ciencias da Comunicación, Socioloxía, Belas Artes e Arquitectura, así como profesionais do sector con acreditada experiencia. Criterios de selección mediante expediente académico ou profesional e a adecuación do alumno aos requisitos do máster. Posible entrevista persoal.
LUGAR. DURACIÓN E HORARIO. Desenvolverase desde o 3 de novembro de 2011 ao 29 de xuño de 2010. As clases impartiranse no aulario da USC e o CGAC. Xoves de 16.00 a 20.00 h. Venres de 11.00 a 14.30 h, e de 16.30 a 20.30 h.
MATRÍCULA E BOLSAS. O importe completo da matrícula do máster será de 3.900 euros, que se poderá aboar en tres prazos. Outorgaranse dúas bolsas en concepto de matrícula de máster que a reducirán nun 75%. As solicitudes de preinscripción serán entregadas preferiblemente en persoa na Secretaría da Facultade de Xeografía e Historia, ou por correo postal (Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas. Departamento de Historia da Arte. Facultade de Xeografía e Historia. Praza da Universidade, nº 1. 15782 - Santiago de Compostela), entre o 1 e o 30 de setembro de 2011.
DIRECCIÓN. María Luisa Sobrino Manzanares, Catedrática de Historia da Arte da USC, e Federico López Silvestre, Profesor de Historia das Ideas Estéticas da USC. Coordinación: Pedro de Llano Neira, Historiador da Arte e Comisario.
Máis información en: http://www.artecontemporaneo.org.es/MASTER/
Fonte: Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas. Universidade de Santiago de Compostela