Atalaia

Rosendo Cid. Serie Esculturas de un minuto. 2012
> Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia
Datas: 24/01/2013 - 28/04/2013

Descrición

A Fundación Laxeiro presenta a segunda edición do ciclo que, co título xenérico Panorama, mostra, con periodicidade anual, o traballo de artistas que traballan en Galicia desde presupostos coincidentes, sexan estes, formais, procesuais, técnicos ou discursivos.

Se na Primeira edición de Panorama o nexo de unión foi a nova figuración en Galicia, ao redor da que se realizou a exposición titulada Radiador, nesta segunda edición, o punto en común destes quince artistas, é a ensamblaxe e o colaxe. 

Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia reúne nun mesmo proxecto expositivo, obras de artistas con preocupacións estéticas diferentes, nas que traballan utilizando as técnicas da ensamblaxe e o colaxe, para chegar a resultados, diferentes tamén, nos que é común a convivencia de elementos dispares, a hibridación de materiais e linguaxes e a intertextualidade inherente ao traballo da ensamblaxe e do colaxe.

Se históricamente, podemos localizar o nacemento oficial da ensamblaxe e o colaxe na exposición organizada por William C. Seitz, titulada The Art of Assemblage no MoMA de Nova York, en 1961, é evidente que, como recoñecería Jean Dubuffet en 1953 cando acuñou o termo assemblage, o nacemento deste recurso, data dos primeiros anos do século XX, cando Picasso (coa súa obra titulada Nature morte à la chaise cannée) e Georges Braque (cos seus primeiros papiers collés) comezan a utilizar a técnica da ensamblaxe e o colaxe alá por 1912. Matisse, Marcel Duchamp e Man Ray serían tamén pioneiros e, como é sabido, o recurso de ensamblar materiais diversos, frecuentemente sen valor plástico per se, pronto sería utilizado por dadaístas, futuristas e surrealistas, chegando a ser unha técnica máis, un recurso que é utilizado con normalidade na arte contemporánea. 

Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia tenta facer unha revisión desta técnica no panorama artístico galego actual. Como acontece en toda exposición colectiva que xira en torno a un tema concreto (neste caso, máis que un tema, unha técnica) esta exposición non pretende ser un inventario de todos os autores que nalgún momento abordaron este procedemento, senón que se centra naqueles nos que a ensamblaxe ou o colaxe, son elementos constantes e definitorios no seu traballo. Mesmo así, é seguro que non están todos os que son, unhas veces por razóns de preferencias do comisario e outras, seguramente, por descoñecemento. En calquera caso, o interesante deste proxecto é a confluencia de artistas de xeracións diferentes e mesmo con intereses artísticos moi dispares que, en conxunto, ofrecen unha mirada heteroxénea acerca dos camiños a seguir na actualidade, na arte que se realiza a partir da montaxe de elementos de naturezas e orixes diferentes.

Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia propón unha mirada ao estado da cuestión nun tempo concreto (os últimos quince anos) e nun espazo concreto (Galicia), a través de quince creadores sen un especial vínculo entre eles que, sen embargo, como diciamos antes, coinciden en non poucos achados, solucións, procesos e recursos, conservando a súa singularidade e, conformando no seu conxunto, a particular mesa de traballo que a Fundación Laxeiro presenta nesta mostra.

Expositivamente, o proxecto resólvese propoñendo unha mirada de conxunto, nun mesmo espazo, sen corredores ou tabiques que impoñan un percorrido ao visitante quen, cando entra na sala, pode elixir o seu particular itinerario, segundo o que lle suxira esa primeira mirada que tamén se constrúe de forma transversal. Unha transversalidade que define a retórica expositiva, baseada na convivencia simultánea de todas as obras do proxecto e, por tanto, suxerindo múltiples relacións, segundo cada caso, en forma de diálogo, confrontación, complementariedade ou mesmo exclusión que, en conxunto, non son outra cousa que un convite á reflexión acerca do sentido de cada traballo e, en consecuencia, do discurso de cada artista en tantas lecturas posibles, como itinerarios decida o espectador.

Entrevista no Diario Cultural (Radio Galega)

Reportaxe emitida pola TVG no programa Zigzag

 

Fonte: Fundación Laxeiro