Atalaia

Miguel Cuba. Punto de fuga, 2011. Pranchas orixinais e ilustracións do libro publicado por Demo Editorial
> Miguel Cuba. Punto de fuga
Datas: 27/07/2011 - 03/09/2011

Artistas

Miguel Cuba

Descrición

Podería partir de diferentes puntos para falar da obra que Miguel Cuba (Lugo, 1982), amosa nesta pequena mostra, extraída da súa obra Punto de Fuga, editada por Demo Editorial en 2011.

Podería falar da construción fría e calculada dos seus personaxes e de como se ve reforzada polo seu trazo de tendencia realista. Podería falar do seu ritmo narrativo, que nos leva da man con suavidade, a través de cada unha das súas páxinas. Podería falar da frescura coa que a súa lectura reflicte a nosa condición social e coas súas correspondentes problemáticas na actualidade. Podería falar do humor que asexa en moitas das secuencias da súa obra, con certa timidez e sinceridade. Da súa sosegada paleta de cor, que apunta matices de optimismo buscando a claridade dunha luz que sempre asexa no fondo. Podería falar tamén do paseo pola arquitectura tradicional galega, que nos leva contracorrente desde o moderno ata a pedra máis milenaria do castro de Baroña, pasando pola arquitectura civil do Castelo de Santa Cruz, a Praza da Quintana ou as estreitas rúas de galerías e balconadas entre outras paradas de referencia. Todo isto sempre cunha técnica de debuxo que se caracteriza pola súa limpeza e perfeccionismo.

Podería falar de moitas cousas máis sobre este traballo de Miguel, pero o mellor será non extenderse e que cada un se deixe levar polo que a propia forza das súas imaxes suxire. Convencido de que Miguel é unha das promesas entre as novas fornadas de autores gráficos galegos, convídoos a entrar de cheo na súa paisaxe contextual e a gozar dunha obra atractiva e próxima que xa non é a primera vez que visita esta galería 9THE13. Probablemente tampouco sexa a última.

Fonte: Manel Cráneo (autor e editor) / Galería 9THE13, A Coruña