Atalaia

Miguel Trillo. Pequín. 2007
> Miguel Trillo. Arde la calle
Datas: 29/02/2012 - 25/05/2012

Artistas

Miguel Trillo

Comisariado

Héctor Fouce

Descrición

É a primeira vez que o fotógrafo Miguel Trillo (1953, Jimena de la Frontera, Cádiz), expón en Galicia unha panorámica da súa longa traxectoria. Tupés e cristas, chupas de coiro e chaquetas de chándal, pelos osixenados e tinguidos, gorras e rastas, pantalóns caídos e pitillos, skates, cadeas de ouro, medias rasgadas, piercings e tatuaxes... as tribos urbanas toman Ágora. A exposición Arde la calle mergúllanos no mundo dunha mocidade que, por encima de todo, busca a súa identidade.

Miguel Trillo chegou a Madrid en plena eclosión da movida dos anos oitenta e, fascinado polo fervor musical do momento, comezou a seguir os grupos de moda de entón, pero axiña lles deu as costas aos artistas que estaban sobre o escenario, para enfocar o seu obxectivo no público dos concertos. "Decatéime de que o espectáculo estaba aí". Pasaron máis de trinta anos e continúa traballando no seu ambicioso proxecto persoal, facer un mapa de cultura urbana a través da mocidade de todo o mundo, xa sexan punks, góticos, rockeiros, ravers, mods, skaters e bakalas. Todos eles rebélanse contra a vulgaridade e reclaman a berros a súa identidade particular. As máis de 70 fotografías que se expoñen en Ágora -incluíndo algunhas imaxes inéditas tomadas en Galicia-, reflicten un mundo global no que a mocidade de Londres, Pequín, Dubai ou A Coruña, dende os anos 80 aos nosos días, posan ante as cámaras, co xesto desafiante de "eu son tribo".

Arde la calle é un proxecto interactivo, cun blog no que os coruñeses poderán subir as súas propias fotografías relacionadas coas tribos urbanas e as tendencias na cidade e serán comentadas polo fotógrafo e o comisario da mostra, Héctor Fouce. Arredor da exposición organizáronse numerosas actividades, como unha máster-class do autor con visionado de portfolios, visitas guiadas, concertos de bandas locais, unha intervención de artistas locais do graffiti ou un cinefórum sobre tribos urbanas.

Máis información en: ARDE LA CALLE

Fonte: Ágora