Atalaia

Miquel Navarro, Figuras para a batalla, 2010-2011, no exterior da Cidade da Cultura
> Miquel Navarro. Figuras para a batalla
Datas: 01/07/2011 - 10/10/2011

Artistas

Miquel Navarro

Descrición

Miquel Navarro (Mislata, Valencia, 1945), celebra en 2012 unha traxectoria de corenta anos que o levou ao cumio como un dos grandes referentes da arte contemporánea española. Frisando este aniversario, temos o privilexio de presentar a súa serie 'Figuras para a batalla', realizada para a Cidade da Cultura. No seu percorrido polos espazos exteriores, os visitantes atopan vintecatro esculturas en aluminio mariñado macizo mecanizado duns tres metros e medio de altura. Son figuras que foron concibidas expresamente para a praza da Cidade da Cultura, o que converte esta exposición nun evento exclusivo.

Se hai algo que fai singular a estas figuras é o aire impersoal do aluminio que replica na materia o ordenamento serial da trama urbana –un exército preparado para a batalla–. Esta organización contrasta co individualismo das pezas, cada unha lixeiramente distinta, que chama por unha identificación persoal coa figura humana de guerreiro, da que son forma estilizada. A obra de Navarro lémbranos, dalgún xeito, os guerreiros de terracota de Xi’an, en China, considerados a oitava marabilla do mundo. Se o artista valenciano experimenta co ordenamento de series urbanas compostas por figuras aliñadas creando tramas arquitectónicas, o conxunto de Xi’an, ao que agora lle rende homenaxe, recórdanos a intemporalidade desas mesmas formas artísticas, anteriores en máis de vinte séculos, que orbitan sobre os eixos civilizadores fundamentais da cidade, do grupo e do individuo. Desta forma, Miquel Navarro ocupa os espazos abertos da Cidade da Cultura facendo unha vez máis gala do seu potente interese contextual, esforzándose en ligar esteticamente a escultura co espazo no que se recolle e adquire sentido. A natureza estrutural da composición e materiais –totémica, xeral– e estas pequenas variacións de cada figura articulan localmente o sutil diálogo que emprenden aquí as esculturas de Miquel Navarro e a arquitectura de Peter Eisenman, responsable do deseño da Cidade da Cultura, como se propagase a continuidade que se produce a un nivel anterior entre a propia Cidade da Cultura e a paisaxe sobre a que se asenta.

Fonte: Cidade da Cultura