Esta exposición abre un ciclo de expositivo titulado Problemáticas. Artistas no relato incompleto comisariado por Chus Martínez Domínguez para espazo do Anexo.
Devandito ciclo programa inclúe propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Jaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.
A proposta de Mónica Cabo, There Will Be a Sea Battle Tomorrow, "toma o seu título dunha proposición de Aristóteles sobre o futuro continxente: “mañá haberá unha batalla naval/mañá non haberá unha batalla naval” ao partir do cal, a artista crea unha suxestiva paisaxe ao redor da idea de posibilidade. Deste modo, a ilusión volve coarse no seu traballo como concepto, pero nesta volta máis próxima á fatalidade. O Anexo anégase de necesidade pero nada nel é necesario. Articulan o espazo catro pezas que existen nunha eventualidade que actúa fóra, contra e desde cada obxecto. A escultura, unha bicicleta ensimesmada na súa duplicidade especular; o vídeo coa escena dun secador pendurado do seu cable que bate de lado a lado cando se activa; o andamio, instalado sobre pequenas peañas de madeira, serve de corpo para colgar un pano de tea".
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Mónica Cabo (Oviedo, 1978) vive e traballa en Barcelona. Ten recibido premios e recoñecementos como a Beca Taller de creación Fabra i Coat. San Andreu Contemporani. Barcelona (2013), 1º Premio de Artes Plásticas do Principado de Asturias (2012) ou a Bolsa San Martiño Pinario para a produción de obra artística, Xunta de Galicia (2005). Entre as súas exposicións e proxectos individuais destacan: Crossover (Sala Borrón, Oviedo, 2013); A Justine (Espacio In situ, Fundación Granell. Santiago de Compostela, 2009); Una pieza para tu mundo… (Sala LAI. Xixón, 2008); Safe word (DF Galería de arte contemporáneo, Santiago de Compostela, 2007); Ridy tu pley (Sala Alterarte. Campus de Ourense. Universidade de Vigo, 2006).
Fonte: MARCO
Ciclo Problemáticas. Diario Cultural (Radio Galega) 27/04/2016
Entrevista á comisaria, Chus Martínez Domínguez. Diario Cultural (Radio Galega) 29/04/2016