Atalaia

Ángel Marcos. China, 2. 2007. Laserchrome sobre papel, montada en plexiglás, 180 x 235 cm
> Ángel Marcos. Alrededor del sueño. Escenarios para el vacío
Datas: 24/03/2011 - 11/09/2011

Artistas

Ángel Marcos

Comisariado

Fernando Illana

Descrición

Entre os anos 2000 e 2009, o fotógrafo Ángel Marcos (Medina del Campo, León, 1955), realizou unha xeira de traballos reunidos agora nunha triloxía titulada Alrededor del sueño [Escenarios para el vacío], que comprende imaxes tomadas en lugares con significados moi diferentes, case que contrapostos: Estados Unidos (Nova York), como centro do capitalismo tradicional; Cuba (A Habana), como fósil vivinte dos extintos reximes socialistas, e China (Shanghái, Pekín e Hong Kong), como imperio poxante que combina as imperfeccións e estridencias dos dous lugares anteriores. Estas fotografías expuséronse de xeitos parciais e individualizados, mais nunca formando un corpo común. Nesta ocasión, o MACUF, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, amosa unha selección de imaxes para ofrecer unha visión xeral da triloxía e a columna que os vertebra, que non é outra que a cidade como orde determinada e determinante da idea de progreso en detrimento do estado-nación como forma política de orde.

Este proxecto quere apuntar ao feito de como, nun tempo espido de coberturas ideolóxicas onde se pensa, respecto á orde, a existencia de estados postnacionais ou supranacionais, cidadanías plurinacionais, identidades múltiples, etc., inscritos nun marco xeral de integración do diverso e o plural, os grandes soños colectivos dos séculos XVIII e XIX, só poden a súa desactualización en imaxes residuais de forte impacto conceptual e historiográfico. Desde o "soño" estadounidense personalizado nunhas cantas rúas-escenarios de Manhathan onde é posible reinterpretar o éxito e a gloria da publicidade como negación da cidade mesma, ata as imaxes de arquitecturas coloniais vencidas polo tempo e a tozudez dun pobo atascado nos grandes relatos revolucionarios, pasando pola experiencia dun modelo comunista que tralo desmantelamento dos dous bloques e a caída do muro de Berlín, non tivo outra opción que liderar o chamado milagre chinese a través das imaxes producidas por un soño que non é de seu, senón que se colleu prestado do soño occidental.

Fonte: MACUF