Atalaia

Nicolás Combarro. Almacén. 2012. Do proxecto Arquitectura e resistencia > Autoconstrución > Almacéns
> Nicolás Combarro. Arquitectura oculta
Datas: 28/09/2012 - 25/11/2012

Descrición

A través desta exposición, Nicolás Combarro (1979, A Coruña), presenta un proxecto no que conflúen investigación e creación nun diálogo directo con aquelas arquitecturas máis particulares, moitas abandonadas ou en construción, sobre as que realiza unha serie de intervencións escultóricas con materiais recuperados do entorno (madeira decorada con pintura de obra), en relación tensa e inestable coa arquitectura e cuxo resultado recolle en fotografías e vídeos.

O artista investiga o espazo construído a partir da contemplación e análise das súas diferentes formas e manifestacións, patróns e estruturas, buscando referentes que permitan a súa compresión e as diferentes maneiras de afrontalo. A partir de aí, Nicolás Combarro abre un camiño dobre de documentación sobre o espazo construído e de intervención e rexistro das accións que sobre el executa, en diferentes soportes.

A súa vila natal -aínda que reside en Madrd-, é neste caso o escenario no que Nicolás Combarro desenvolve o proxecto Arquitectura oculta, organizado en cinco apartados: Arquitectura e resistencia (A Coruña), Chegadas alternativas á cidade, Mallas, Azulexos e Intervencións espaciais. Os dous primeiros bloques teñen un enfoque máis documental, tentan transmitir ao espectador unha visión diferente da cidade a partir da recreación de construcións que resisten na urbe ou de entornos modificados polos propios cidadáns. O resto dos traballos complétanse, partindo sempre do labor de documentación previa, cunha serie de intervencións en diversos espazos coas que o artista quere atraer a atención do observador e xerar un diálogo desde o interior das propias estructuras.

LINK: Proxecto Arquitectura y resistencia

Fonte: Concellería de Cultura, A Coruña / PALEXCO