Co gallo da celebración do cen aniversario do nacemento de Granell, a cidade de Santiago e algunhas das institucións galegas máis relevantes, tanto de carácter público coma privado, decidiron colaborar na realización dun proxecto común que salientase a inmensidade dun dos artistas senlleiros do pasado século xx, tanto a nivel galego coma español. As ofertas culturais que ao longo destes meses se poderán atopar na cidade compostelá son froito deste traballo conxunto a prol da promoción da cultura e da arte galegas que aplaudiu a propia directora da Fundación Granell durante a rolda de prensa.
A exposición de Eugenio Granell no Centro Cultural de Novacaixagalicia na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, reúne 70 obras de carácter gráfico, todas elas pertencentes aos fondos de diferentes institucións galegas. No seu conxunto trazan a traxectoria pictórica de Granell desde o momento no que o pintor galego se atopa, ao pé do Caribe, coa pintura e co surrealismo que lle presenta o intelectual francés André Breton. Este encontro, cualificado polo propio Granell como "o acontecemento moral máis importante da miña vida", conduce a que o artista coruñés explore o mundo onírico e do inconsciente dun xeito que será constante durante toda a súa vida, xa que en ningún momento a súa obra se afasta dos principios artísticos enunciados por Breton no seu manifesto. A comisaria, Támmara Bescansa, destacou na súa intervención perante os medios de comunicación o didactismo dunha mostra que conta coas obras máis significativas de Granell dentro dos fondos de todas as institucións implicadas neste evento. Ademais, recalcou a importancia do artista como provocador, posto que as súas pezas "obrigan ao ollo domesticado a mirar doutra maneira".
Esta mostra ofrece, ademais, a posibilidade de contemplar un documento nunca antes ensinado ao público e que reflicte a cariñosa relación de amizade existente entre André Breton e Eugenio Granell. Trátase dun exemplar do Segundo manifesto do surrealismo que o poeta francés dedicou ao pintor galego e no que pon de relevo, na dedicatoria, a estreita unión que os xunguía.
Por outra banda, e procedente do arquivo de CRTVG, os visitantes á mostra poden gozar dun documental de quince minutos sobre Granell e a súa produción artística.
Os fondos que articulan a exposición pertencen á Fundación Granell, Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Consorcio de Santiago, Auditorio de Galicia, Deputación da Coruña, Fundación María José Jove, Museo de Pontevedra, Museo Carlos Maside de Arte Contemporánea, Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, Novagalicia Banco e Novacaixagalicia.
Fonte: Novacaixagalicia / Fundación Granell