Ofelia Cardo presenta o seu último proxecto A un lado e a outro. O título, tomado da definición de bambear, pretende establecer relacións entre dous extremos, a infancia e a senectude, a vida e a morte… e reflexionar sobre a fugacidade da vida, tomando o bambán como unha das imaxes que conecta eses dous extremos.
Alex Alonso comenta no catálogo da mostra: “A imaxe do bambán caído é moi potente. A min trasládame a un tempo que xa foi, que xa pasou. De novo aparece o obxecto en desuso, inanimado, sen alma, marcando a ausencia de alguén que o utilizou no seu momento. Esas longas cordas xa frouxas para min sinalan a perda de enerxía vital. O bambán ten o seu sentido no aire, cando aparece colgado. O feito de tocar o chan e quedar varado coma un barco nas rochas indica a súa morte fronte ao seu uso como obxecto dinámico.”
A exposición ten como protagonistas á fotografía e á instalación e incorpora materiais que conforman unha escea artística, para así crear unha experiencia visceral ou conceptual no espazo para o que se proxectou. Desta maneira vincula ao espectador a interactuar e camiñar visualmente ao lado das distintas interpretacións dun lado ao outro.
Fonte: Museo Municipal de Ourense