Tras viaxar durante trece anos por algunas das institucións culturais máis importantes de Alemaña, Francia, Suiza, República Checa, Finlandia, Suecia, Rusia, Dinamarca ou Eslovenia, a Cidade da Cultura de Galicia, en colaboración coa Fundación Cisneros, trae por primeira vez á Península Ibérica a Colección Orinoco, a mostra de arte étnica máis importante de Latinoamérica pertencente á Colección Patricia Phelps de Cisneros.
Baixo o título Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, preséntase esta homenaxe á tradición cultural das doce etnias que habitan o Amazonas venezolano: De’áruwa (Piaroa), Ye’kuana, Yanomami, Híwi (Guahibo), E’ñepa (Panare), Wakuénai (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekena, Tsase (Píapoco) e Hoti. Composta por unha ampla selección de obxectos utilitarios de cada un dos grupos indíxenas, a colección consta de máis de 1.500 pezas recompiladas durante cincuenta anos de exploracións: máscaras, cestería, adornos corporais, instrumentos musicais, plumarios, canoas, remos e instrumentos de pesca, obxectos de uso cotián e máxico-relixiosos, que están construídos con materiais da selva, partes de animais, plantas e minerais.
Fonte: Museo Centro Gaias