Atalaia

"Eclipse", unha das páxinas ilustradas da mostra.
> Orixes do cómic en Galicia. 1880-1960
Datas: 16/03/2012 - 10/06/2012

Descrición

A primeira tira cómica en galego, viñetas de Camilo Díaz Baliño, de Maside e de Castelao, de Federico Ribas... Unha viaxe única polas orixes dunha arte que hoxe en día vive momentos de esplendor: a banda deseñada. Esta é a proposta da exposición Orixes do cómic en Galicia coa que a Cidade da Cultura pretende amosarlle ao público obras orixinais e inéditas de creadores galegos de finais do século XIX e principios do XX, moitas das cales forman parte dos fondos da Biblioteca de Galicia.

Nun percorrido cronolóxico desde a década de 1880 ata 1960, Orixes do cómic en Galicia recolle por primeira vez o traballo de cincuenta ilustradores galegos. Tras un arduo labor de investigación da comisaria Rosario Crespo Amado en hemerotecas, arquivos, museos, bibliotecas e coleccións particulares, Orixes do cómic en Galicia presenta historietas publicadas en revistas de contido humorístico ou satírico, xornais e manuscritos inéditos.

Grandes descoñecidos como Gerardo Castaño ou Lino González Rubido mistúranse con destacadas figuras da ilustración como José María Cao, Manuel Bujados, Manuel Torres, Federico Ribas, Máximo Ramos, Camilo Díaz Baliño, Castelao, Maside... e con Eduardo Blanco Amor e Ramón Cabanillas como guionistas. Un percorrido pola historia do cómic galego e tamén da traxectoria profesional dos creadores gráficos que traballaron en Galicia e tamén noutros ámbitos xeográficos.

Fonte: Cidade da Cultura