Atalaia

Mar Caldas. Arrastrando el desasosiego (1997). 5 fotografías a cor. 62 x 93 cm c/u
> Os anos circulares. Tendencias da figuración en Galicia. 1994-2013
Datas: 19/06/2013 - 31/08/2013

Autoría

David Barro

Descrición

Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia. 1994-2013 está enmarcada nun proxecto que abrangue tanto o eido expositivo coma o editorial, concíbese coma un conxunto de tres exposicións que, na súa totalidade, ofrecen unha visión sobre a arte galega contemporánea nas súas distintas manifestacións.

Esta exposición deixa constancia de que a mediados dos anos noventa se producen en Galicia varios feitos significativos que nos levan falar dun momento de cambio no eido das artes plásticas. Son momentos de sinerxías, do xurdimento de institucións específicas coma o CGAC, en definitiva, dunha realidade de infraestruturas que posibilita a formación e formulación dunha xeración diferente que agromará, a mediados da década dos 90, con exposicións colectivas coma 30 anos no 2000, conformada por artistas saídos da primeira promoción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que se reafirmou con exposicións posteriores coma Novos camiñantes. Con esta nova xeración déixase atrás a lentitude institucional de tempos pasados e ábrese paso a unha realidade infraestrutural capaz de deseñar o presente e o futuro inmediato coa implicación cada vez maior de profesionais da arte.

Os artistas que xorden ao amparo deste cambio teñen xa unha incipiente formación teórica, coñecen as linguaxes e o campo creativo, feito que lle permite ensaiar propostas particulares e, sobre todo, manexar unha serie de materiais que os han distinguir claramente das xeracións anteriores. Entre eles non existirán lazos distintivos, nin podemos falar de que compartan un imaxinario común, nin unha ollada común a un contexto determinado, mais si procuran os mesmos conceptos. A facilidade que teñen para cambiar de medio ou de ferramentas, o soporte teórico dos críticos, capaces de realizar reflexións que contribúen a definir unha actitude xeracional, será o que lles permita achegarse á imaxe dun xeito diferente, o que lles posibilite traballar indistintamente os estilos dunha maneira máis híbrida ou máis contaminada. Os nomes e as iniciativas que aparecerán na primeira década do século XXI beberán dos logros dos anos noventa, con exposicións realizadas a modo de balance coma Urbanitas e cun paulatino descenso das ofertas e das posibilidades nestes últimos anos de incerteza, que deixarán outra vez a moitos artistas sen xeración, sen posibilidades, coma se de cada vez houbese que comezar de novo, coma se os anos foran circulares.

Fonte: Novacaixagalicia