Atalaia

Cartel Outono Fotográfico 2010. Autor: Xosé Lois Vázquez
> Outono Fotográfico 2010
Datas: 19/10/2010 - 05/12/2010

Dirección

Benito Losada

Descrición

Texto de presentación no catálogo do Outono Fotográfico 2010.

"A vixésimo oitava edición do Outono Fotográfico racha as súas costuras e incrementa todos os seus números: participantes, exposicións, organizadores, espazos expositivos e actividades. Un amplo abano de accións ao redor da fotografía, en definitiva; confiamos en que nel se sentirán acollidos todos os afeccionados e afeccionadas ao mundo da imaxe.

Este catálogo, na súa busca de deixar unha pequena constancia do que supón cada edición do Outono, mantén unha estrutura similar á dos precedentes. Ábrese, así, con dous textos que abordan o feito fotográfico desde perspectivas moi diversas: por unha parte, un ensaio de Antonio Soria Rocafort, titulado Taliesín o Bardo. Existe o carácter artístico?; por outra, unha narración breve do escritor Marco Valerio Lama, O que foi de nós.

As páxinas seguintes están conformadas por catro capítulos dedicados a tres exposicións e unha proxección. As mostras Pano de fondo e Álbum familiar van encamiñadas á recuperación da nosa memoria e son as achegas ao Outono Fotográfico por parte de Caixanova e Caja Madrid, respectivamente. Cambio de posición é unha colectánea de membros da asociación fotográfica coruñesa Posición B, que se incorpora ao Outono Fotográfico con numerosas actividades, arrastrando canda eles a súa Concellaría de Cultura; en concreto, esta mostra foi producida ex profeso para a presente edición do Outono. Fronteira, finalmente, recolle obra dos sete fotógrafos e fotógrafas que participan nas Proxeccións do OF, cuxas sesións poderán verse na Coruña, en Ourense e en Barcelona; nesta cidade, será da man do Espai Fotogràfic Can Basté, centro cultural co que renovamos unha frutífera relación iniciada na pasada edición.

A continuación, unha ampla selección de obras de fotógrafos que participan en diferentes exposicións desta edición do Outono. Péchase a publicación, como vén sendo habitual, co programa completo -incluídas todas as actividades: exposicións, proxeccións, cursos-, e mais cuns breves apuntamentos biográficos dos autores con obra reproducida nestas páxinas."

Texto: Benito Losada

LINKS:

Exposicións individuais do Outono Fotográfico 2010.

Exposicións colectivas do Outono Fotográfico 2010.

Catálogos do Outono Fotográfico 2010.

Reportaxe sobre Outono Fotográfico 2010 en Telemiño.

Fonte: Outono Fotográfico