Na 29ª edición do festival galego de fotografía -a primeira sen o seu creador Benito Losada-, participaron máis de 500 fotógrafas/os dos que 230 o fixeron con proxecto expositivo propio e o resto como resultado de exposicións de fotografía histórica e concursos; ademais contou con 90 salas e espacios expositivos con 110 exposicións.
LINKS:
Exposicións individuais do Outono Fotográfico 2011.
Exposicións colectivas do Outono Fotográfico 2011.
Catálogos do Outono Fotográfico 2011.
Vídeo: reportaxe e tertulia sobre Outono Fotográfico 2011 en Telemiño
Contínuo expansivo (Texto de Xosé Lois Vázquez no catálogo Outono Fotográfico 2011)
Hai vintenove anos -no 1983-, catro únicas exposicións constituíron a primeira edición do Outono Fotográfico. Dende a Casa da Xuventude de Ourense, Benito Losada, o seu director, puña en marcha un artefacto expositivo que respondía primeiro ás características da súa praxe dinamizadora consistente en detectar e pór en contacto indivíduos imaxinativos e activos e xestionar a obtención de medios materiais ou económicos para realizar o proxecto imaxinado (*).
En segundo lugar o Outono Fotográfico beneficiouse da particular visión de contínuo expansivo que Benito Losada posuía e que con certeza está na orixe das múltiples coleccións que comezou: o obxecto primeiro ou único deixaba de selo para encabezar un conxunto en continua construción/expansión. Esta visión que guiou o festival durante case tres décadas, fixo que crecese en fotógrafos/as e lugares expositivos até chegar a un estado crítico a partir do cal opera como unha sala de exposicións única, expandida espacialmente mais con unicidade e coherencia; a fisicidade dá paso ao ámbito ideogramático; o aspecto tridimensional e as paredes dos espazos expositivos non son os receptores da obra: esta transita pola xeografía que denota a marca Outono Fotográfico. As fotógrafas, os fotógrafos expoñen no OF, territorio común da fotografía en Galicia durante o mes de novembro -e parte de outubro e decembro- cada ano, e esta característica convérteo nun evento crucial da produción cultural con repercusións cualitativas e cuantitativas na fotografía galega.
A través desta peculiar visión do contínuo expansivo, dende a Casa da Xuventude -institución que só inclúe menores de 35 anos- Benito Losada expandirá, ademais do ámbito físico do espazo expositivo e a colección de fotos expostas, o da idade media do grupo activo, os fotógrafos/as, e logrará xerar un evento interxeracional, condición catalizadora no proceso da transmisión de coñecementos, no que a memoria como depósito dos mesmos adquire a súa función máis esencial ao subministralos para ser comunicados e sometelos a novas experimentacións: socializalos, actualizalos e volvelos incorporar a unha memoria agora expandida nunha dialéctica fructífera que fai avanzar e medrar as persoas involucradas no proceso.
Unha vez máis, como aconteceu coa Banda Deseñada, BL acertou e centos de mozos e mozas ampliaron o seu coñecemento técnico, histórico e estilístico/crítico da fotografía. Cumpriuse así que o artefacto expositivo foi quen de operar como un museo temporal durante algo máis dun mes ao ano, na elaboración e posta en circulación de coñecemento fotográfico. Coñecemento aínda que sen elaboración sistemática explícita, é xusto recoñecer que quedou sobradamente substituído pola experiencia ao vivo co valor ético/antropolóxico que supón: cada ano decenas de fotógrafos e fotógrafas preparan as súas exposicións e por tanto os seus discursos artísticos e/ou profesionais ou amadores para ser presentados no Outono Fotográfico, producíndose ese caudal de intercambio de coñecemento/vivencia e a característica pertenza a que posúen os proxectos curadoriados e museísticos canónicos.
É fundamental salientar como a coherencia do modo de operar de Benito Losada potenciou a rendibilidade cuantitativa e cualitativa da produción cultural, mais tamén a respecto dos recursos materiais ao ser capaz de coordinar vontades e incentivar a ilusión para suplir a escaseza de medios con imaxinación e dedicación. Neste senso, o recurso ao próximo, a posta en valor de quen temos ao lado, foi unha práctica constante que xerou riqueza económica ao activar sinerxias non só para producir eventos culturais senón tamén para levantar proxectos empresariais: grazas a esta posta en valor do xenio local saíron fotógrafos/as hoxe profesionais exitosos ou debuxantes excepcionais tamén profesionalizados, deseñadores gráficos, editores...
É imposíbel tratar todos os aspectos da aportación de Benito Losada á nosa cultura, e non só a respecto da fotografía. Tempo haberá de estudalos a fondo, con todos os datos que teremos que rescatar da memoria da súa colección de amigos cuxo coidado encargou ao seu fillo Anxo. E non podemos finalizar sen salientar o seu carácter polinizador de ave libérrima que se deixa encantar polas chamativas cores das flores, inseminando pensamentos e utopías dunhas noutras, involucrándose sen fatiga en novos voos cada día. Esta característica polinizadora que fixo da Casa da Xuventude de Ourense un fermoso xardín sempre en primavera, sempre florido e frutífero é un patrimonio que non debemos, non podemos, non estamos en disposición de esquecer, máis ben desexamos cultivar, ampliar e sobrevoar seguramente cun voo menos áxil mais rabiosamente libre como o de Benito Losada.
Autoconvocámonos para 2012, pode que sexa xa dende a Fundación que levará o seu nome e que tentará preservar os seus legados. Niso andamos.
Texto: Xosé Lois Vázquez
(*) Abramos unha pequena paréntese: en xeral, o traballo en Galicia con materiais socio-culturais supón que os medios sempre son precarios. Esta precariedade deriva da escasa autoestima das elites económica e política do país e do seu case nulo interese na pervivencia futura de Galicia agás a gastronómica ou de fanfarras rexionalistas. A escaseza de medios viuse suplida en Ourense coa entrega desinteresada tanto do propio Benito Losada, que se involucraba sen límite nos proxectos, como do resto dos/as activistas participantes en cada acción. Hoxe, dende posicións progresistas, consolídase a precariedade apelando ao santo mercado como indicador infalíbel necesario para outorgar marca de calidade/necesidade ás producións culturais: tempos virán en que haberá que pagar por falar o 4% de IVE pois as linguas son portadoras de valor engadido.
Fonte: Outono Fotográfico