FOTÓGRAFOS. Copias de época: Ramón Caamaño - B, González - G. Gutiérrez - J. Nuevo - J. Pintos - J. Sellier - F. Zagala. // Copias actuais: P. Brey - R. Caamaño - Foto CHAO - J. Domínguez, El Lucas - J. Moreira - M. Reboredo - Jaime Pacheco - J. Pacheco - J. Samaniego - J. Vidal.
Pano de fondo. Achegamento á fotografía de estudio, 1880-1960, é unha exposición ideada e comisariada polos fotógrafos e historiadores Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal -directores do CEF, Centro de Estudos Fotográficos, Vigo-, de carácter itinerante polos diferentes espazos da Obra Social e Cultural de Novacaixagalicia. Nesta ocasión, ocupa a sala de exposicións do Centro Cultural Novacaixagalicia de Lugo, na Praza Maior.
Unha colección de copias de época e outras feitas na actualidade a través de negativos, déixannos ver as prácticas do retrato de antano, un acto solemne e relevante que nos aporta numerosos datos antropolóxicos. Imaxes de Ramón Caamaño, Pacheco, Ksado, Joaquín Pintos ou El Lucas, entre outros mestres galegos, permiten afondar na sociedade galega doutra época.
A mostra tenta achegarse á fotografía de estudio como análise, e a través de dúas partes ben diferenciadas: as copias de épocas realizadas polos seus autores, e as copias feitas na actualidade a partir de negativos. Deste xeito, podemos ver todo un repertorio de imaxes do pasado onde apreciar a contención, a rectitude, o atuendo, os costumes…, un feixe de detalles que nos achegan a un tempo e unha sociedade que xa nos resultan descoñecidos.
No período que ocupa Pano de fondo, de 1880 a 1960, era habitual a existencia de fotógrafos que practicaban a fotografía de estudio, xa que apenas existían cámaras de uso doméstico. Este proceso maila súa técnica tiñan unha similitude coa pintura: non se concebía a foto ata estar retocada e refeita. Daquela, era habitual xuntar a dúas persoas, separadas por milleiros de quilómetros, nunha mesma imaxe. Tamén facer retoques de siluetas e outras cuestións, como a selección do propio pano de fondo que tiña que emular un lugar requintado. Como estes acontecementos non eran moi habituais, a xente sacaba as súas mellores galas e adornos. Daquela, tamén o hieratismo, o estatismo, a mirada fixa frontal, a tensión, o misterio… son características que atoparemos nas poses dos retratados.
Acontecementos senlleiros como vodas, bautismos ou comunións, e mesno a escola, requerían da presenza do fotógrafo para captar o momento, era como o rito iniciático a unha nova vida. O resultado final destas imaxes marcaba a importancia da cerimonia e o éxito social.
Os panos que empregaban os fotógrafos merecen unha mención especial; os había de estudio, máis traballados e colocados, os de feira, onde podiamos ver grandes pazos cos seus xardíns, ou con elementos extras como avións, coches, barcos, palmeiras, maxestuosas escalinatas… Unha serie de obxetos que pintaban unha paisaxe de fantasía, propia de contos. O retratado lucía, deste xeito, enriba de bonitos decorados, que os profesionais levaban polas vilas e festas. Eran, polo xeral, traballos máis descoidados e de inferior calidade aos de estudio.
Fonte: Obra Social Novacaixagalicia / CEF, Centro de Estudos Fotográficos (Vigo)