Esta mostra individual de Patricia Esquivias reúne unha selección de obras en vídeo, xunto a pezas noutros soportes e material documental. En 111-119 Generalísimo/Castellana (2013) e The Future Was When? (2009), a narración fílmica acompáñase de documentación fotográfica e mosaicos producidos pola artista, respectivamente. A serie Folklore, iniciada en 2006, inclúe os vídeos Folklore I, Folklore II, Folklore IV, e a videoinstalación Folklore III, onde establece unha relación entre Galicia e o territorio colonial mexicano rebautizado como ‘Nova Galicia’ no século XVI. O mural de cerámica situado á entrada, coa lenda Hai tanto desexo na espera como espera no desexo, é unha peza producida especificamente para a exposición, grazas á colaboración da ceramista Susana González Amado (Taller Terralume), co apoio da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.
A exposición Todas as tradicións son inventadas leva por título unha frase derivada dun dos máis influentes ensaios do historiador marxista Eric Hobsbawm, no que describe a orixe recente de moitas tradicións que permanecen na sociedade e que, non obstante, son produto da invención. A súa orixe pode ser máis ou menos rastrexable, pero todas teñen en común a súa relación co pasado e coa Historia, o elemento lexitimador.
Patricia Esquivias (Caracas, 1979) traballa fundamentalmente co texto, material que lle serve de base para construír os seus relatos. Estas narracións, presentadas en formatos como o vídeo ou a instalación, abordan aspectos da historia ou da vida cotiá dende unha perspectiva persoal. Os seus traballos teñen un compoñente performativo e procesual moi marcado polas intervencións da propia artista como narradora ou relatora. Esquivias posúe unha ampla traxectoria expositiva, con proxectos no Museo Nacional Reina Sofía (Madrid), Tate Modern (Londres), Frankfurter Kunstverein (Frankfurt), 5th Berlin Biennale (Berlín), White Columns (Nova York), etc., e forma parte do grupo de artistas de ‘Campo adentro’, iniciativa que analiza as relacións campo-cidade e se cuestiona qué medio rural queremos no futuro.
Na súa proposta para o MARCO, Patricia Esquivias presenta unha selección de obras que utilizan a Historia como ferramenta interpretativa, para deslexitimar ou para ficcionar o pasado, sen vontade de veracidade. Son pezas que abordan o tránsito do pasado ao presente, ou que articulan narracións a partir de experiencias persoais e acontecementos históricos ou culturais, cuestionando os argumentos oficiais e as canles hexemónicas da transmisión do coñecemento.
As obras de Esquivias adquiren, nas súas sucesivas formalizacións, novas lecturas. Todas elas parten do encontro entre elementos que a artista vincula entre si, concatenando aspectos biográficos, recordos, invencións e material de arquivo nun proceso performativo e procesual, derivado das intervencións da propia artista como narradora nos seus vídeos, que se agrupan en series e expande a outros formatos coa intención de revisar, unha e outra vez, os aspectos ocultos ou silenciados dos relatos e as contradicións ou a pluralidade de significados que xeran.
Fonte: MARCO