Atalaia

Paulova. Caballo y yegüa en llanura. 2011. Óleo sobre papel. 32'2x64 cm.
> Paulova. Labores marcianas
Datas: 24/08/2012 - 24/10/2012

Artistas

Paulova

Descrición

Paulova (1983, Lugo), é o nome artístico de Paula López Vallejo, unha das artistas que teñen participado na exposición Xeración 80, comisariada polo equipo da Galería About Art no Pazo da Cultura de Pontevedra (abril-xuño 2012), na que se presentaba a unha xeración de artistas novas, mulleres, que destacan polo seu traballo orixinal, de grande calidade técnica e a súa visión crítica da representación da figura feminina. Paulova presentaba nesta mostra unha parte da súa serie Labores Marcianas, un proxecto moi específico que parte do seu interese polos tapices da España franquista, típicos dos salóns da época, nos que se mostran imaxes irreais, imposibles, bucólicas e idílicas, onde a artista introduce elementos marcianos a través dos que tenta constatar a existencia dun ambiente anodino, onde os personaxes e obxectos conviven dun xeito frívolo. Trátase dunha pintura evasiva, con paisaxes insustanciais, nos que Paulova expresa unha ironía moi fina que, segundo palabras da propia artista "trata sobre unha realidade contemporánea; evadímonos dunha catástrofe que nos sobrevoa".

Paulova, formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, comeza a súa carreira traballando no ámbito da vídeo-performance e as accións en rigoroso directo co grupo De Botero a Bo Derek, un momento de descuberta, de contacto coas exposicións que xurdiron posteriormente en lugares como o Centro Torrente Ballester de Ferrol, IKAS ART en Bilbao, o Pazo da Cultura de Pontevedra ou a Bienal da mesma cidade.

A exposición integra pintura, escultura e instalación, creando un universo propio dunha ficción e xerando emocións, nun escenario irreal pero perfectamente recoñecible polo espectador, a través dun imaxinario característico da artista, que parte sempre do recoñecible, o cercano, procurando un chiscadelo co público, e todo ilo tratado cunha linguaxe pictórica orixinal que lembra tanto ao petit-point como as imaxes pixeladas.

Segundo Paulova, "Labores marcianas é un proxecto pictórico en continuo proceso baseado en imaxes extraídas de tapices propios dos labores do fogar. Son imaxes costumistas, irreais e un tanto apocalípticas que responden ao modelo das paisaxes insustanciais típicas dos salóns da España dos anos 50. Así, introdúcense elementos marcianos que non fan máis que constatar a existencia dun ambiente anodino e casposo onde os personaxes e obxectos conviven dun xeito frívolo".

Fonte: Galería About Art. Pontevedra