Atalaia

Pedro Calapez. This is only drawing. 2013
> Pedro Calapez. There is only drawing
Datas: 13/11/2013 - 23/02/2014

Artistas

Pedro Calapez

Comisariado

Filipa Oliveira

Descrición

 

O título da exposición fai referencia a un xogo de palabras que o escultor Richard Serra escribiu en 1977: “There is no way to make a drawing: there is only drawing” (non hai ningunha maneira de facer un debuxo: só hai o debuxar) xa que en inglés drawing é ao mesmo tempo substantivo e verbo, significa debuxo e debuxar. Para Richard Serra é sobre todo verbo, é mais acción que simple disciplina, o que fai imposible establecer unha liña divisoria entre os debuxos do artista norteamericano e a súa obra escultórica. Do mesmo xeito, na práctica artística de Pedro Calapez, o debuxo ocupa un lugar central. Non só como un campo de intervención artística, senon como un campo de reflexión. É o lugar onde a observación do mundo, a memoria e o pensamento se unen. O mundo pensado e experimentado a través do debuxo. A obra que presenta agora Pedro Calapez na Fundación Luis Seoane posúe esa heteroxeneidade que trascende o debuxo como técnica, e que é utilizada polo artista para indagar sobre a relación entre os límites da propia obra e o contorno, entre o espazo no que se dispón a obra e o que ése espazo contén. Esta relación plásmase nos traballos que conforman esta mostra, especialmente naqueles que, partindo dunha unidade (un debuxo, unha pintura, un panel de aluminio) e mediante a multiplicación desta ata a constitución dun mural, esvaecen as marxes da propia obra e transforman as salas en contornos que permiten primeiro ao espectador percibir o conxunto xeral, unha paisaxe constituida por distintos trazos e manchas, para despois centrarse no pormenor, o detalle, o elemento singular.  

Pedro Calapez comezou a expoñer na década nos 70. O seu traballo partía en principio da súa experiencia como fotógrafo durante máis dunha década, disciplina que abandonaría tras cursar estudos na Escola Superior de Belas Artes de Lisboa, centrándose no debuxo e na pintura, e na relación entre espazo, arquitectura, espectador e obra de arte. A súa obra está presente en coleccións como a do Museo de Serralves, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou a Fundació Pilar i Joan Miró, entre outras moitas institucións, así como en coleccións particulares.   

Fonte: Fundación Luis Seoane