Atalaia

Pentti Sammallahti. Solovki, mar Branco, Rusia, 1992. Fotografía, copia virada sobre papel baritado, 16 x 36,6 cm
> Pentti Sammallahti. Au bord du monde
Datas: 29/09/2011 - 29/01/2012

Comisariado

Alain D´Hooghe

Descrición

Pentti Sammallahti (Helsinki, 1950), é un dos fotógrafos contemporáneos máis destacados de Finlandia, recoñecido internacionalmente tanto por profesionais do medio como por crítica e público. Comezou a expoñer o seu traballo aos 21 anos e exerceu durante moito tempo como profesor na Universidade de Artes Aplicadas de Helsinki, antes de recibir unha bolsa do estado finlandés que lle permitíu consagrarse de cheo aos seus proxectos artísticos durante quince anos. Afastado de modas e tendencias efémeras, preséntanos pequenas fotografías en branco e negro, divertidas e serias ao mesmo tempo. Confesa a súa absoluta predilección pola neve, o frío e a brancura do norte -en especial entre o seu país natal e Rusia-, o que non lle impide atoparse cómodo fotografando latitudes máis meridionais, coma os Balcáns, Marrocos, India, Nepal e mesmo Turquía.

Nas súas imaxes -e nomeadamente nas de formato panorámico-, as paisaxes e os seus poboadores vagan sen rumbo, as casas e barracas semellan a piques de esborrallarse, con frecuencia aparece un animal -case sempre un can-, que deambula coa mirada perdida, cunha indiferenza, en certo modo, irónica. A presenza relativamente escasa do home, polo menos fisicamente, é o xeito no que Sammallahti fálalle ao espectador da condición humana. Recorre á natureza e aos animais, e non hai dúbida de que escolle o rodeo da fábula para falarnos do mundo no que vivimos. Non saberiamos se é polos encadres ou pola propia natureza do que mostra, pero a maioría das paisaxes fotográficas de Sammallahti -ao igual cas pequenas historias que conta-, crean a estraña sensación de estaren situados ao bordo do mundo. É como se alén da liña do horizonte non existira nada máis que baleiro…

No traballo de Sammallahti conflúen dous enfoques: dunha banda, a fotografía de paisaxe, case contemplativa, onde a naturaleza xoga un papel primordial, onde a forma dunha nube, a inmensidade do mar ou a inclinación dunha póla nunha árbore dominan o discurso; doutra banda, secunda o instante decisivo, tan apreciado por Henri Cartier-Bresson, que trata de captar un instante único e fuxidío. É evidente que nesta paradoxal dualidade, entre a contemplación e a plasmación, reside unha parte importante do que conforma a impronta visual, inmediatamente recoñecible, do fotógrafo.

Alain D´Hooghe -historiador da fotografía e comisario da exposición-

Fonte: MACUF