O Equipo FAC convida á nova revista de arte contemporánea Plétora a facer a súa presentación oficial no FAC Peregrina alentado polo que será o subtítulo do seu primeiro número: a comunidade do desexo e o desexo de comunidade. Coa intención de xerar máis amplas sinerxias, o Equipo FAC convida a Plétora. A exposición, a facer un despregue dalgúns dos contidos artísticos e textuais que constitúen o seu intento por devir proxecto de construcción utópica e social.
Presentación de Plétora. Revista online de arte contemporánea. PLÉTORA
Plétora é un proxecto editorial na internet especializado en arte contemporánea. Nace da urxencia de estimular o tecido cultural, en concreto aquel vinculado ás artes visuais en Galicia, coma un exercicio que fomente a diversidade e a calidade dos contidos; á vez que aposta por un espectador que conta coas ferramentas axeitadas para interpretar e valorar as prácticas artísticas contemporáneas. Non debemos esquecer que a reflexión crítica forma parte do significado mesmo da arte e que sen a súa posibilidade achegámonos a un exercicio de disolución da cultura en inercias anodinas e perversas baseadas en estratexias de hexemonía e dominación.
Os novos medios permítennos crear dispositivos que ao baixo custo divulgan contidos de forma case inmediata. Plétora válese destes medios para a produción cognitivo-discursiva, sacando á luz tres veces ao ano unha constelación de artigos, entrevistas e pezas artísticas vinculadas co pensamento crítico, a actualidade expositiva e as novas producións de mozos artistas. Deste modo constrúese como escenario aberto á comunicación que incide na esixencia de rigor epistémico e crítico e que asume a crise económica como a oportunidade, evitando actitudes ancoradas na parálise ou a desidia, fomentando novos proxectos que desafíen a falla de presupostos e subvencións (a pesares de que en consecuencia non reivindiquemos a profesionalización do sector con honorarios dignos e intercambios comerciais responsables).
Plétora consiste en pensar dende a heterodoxia intelectual e dende unha vontade construtiva; deixando de lado as inxenuas pretensións de reactivar o que nunca estivo activo, nin de cegarse con lumes de artificio. Apostamos pola construción dun tecido cultural dende o entusiasmo entendendo a arte como unha primeira necesidade e nos negamos rotundamente a que a crise económica encubra outra serie de fracturas como a educativa ou a cultural.
Presentación de Plétora. A exposición.
Probablemente non haxa lugar para un mellor principio que o de remitir a un infinito reflexo especular. Así, podemos pensar que, realmente, non estamos comezando, que estamos tratando de levar este discurso ao final xusto desde o principio. Cada vez que empezamos de novo, confirmamos unha realidade terminal e constatamos a superficialidade da historia. O proxecto Plétora estréase aludindo explicitamente a un revés ontolóxico, a un xeito de entender a historia e as súas sucesivas crises como aperturas a novos ciclos de adaptación e pervivencia da cultura. A versión expositiva da revista Plétora, presentada o 1 de xuño no FAC, xunto ao primeiro número da revista, é un proxecto que pretende compaxinar texto e contexto, crises, autoxestión e empoderamento social a través da mirada de dez artistas (Carla Andrade / Luis Díaz Díaz / Amaya González Reyes / Enrique Lista / María Magán / Joan Morera / Lois Patiño / Nikita Rodríguez / Ulobit / Diego Vites), que comparten orixes xeográficas, xeración e unha actitude proactiva diante da situación de inmovilismo e precariedade xerada pola crise económica. Para isto, que mellor contexto que o Furancho de Arte Contemporánea. Un espazo cuxa existencia redefine as prácticas artísticas e expositivas contemporáneas en Galicia, e que mellor xeito de facelo que mediante a ferramenta expositiva. Como dixera J-M Poisot, "as exposicións non poñen únicamente en pé o proxecto estético dos artistas, senón que activan outros proxectos e discursos encamiñados tanto a escribir a historia e organizar a temporalidade da arte contemporánea como a facer da arte unha utopía social". Plétora. A exposición, ao igual que a filosofía subxacente da nova revista, quere reconquistar ese discurso da arte como utopía do social reescribindo, desde o final dunha época, un novo principio.
Desexo de comunidade, comunidade do desexo, constitúe o punto de partida da exposición aludindo a un desexo que deixa de ser entidade para devir aspiración, onde o que importa non é o cumplimento dun obxectivo senón a persecución do mesmo, compartindo rasgos co pensamiento utópico. Esta comunidade soñada engloba tanto a unha xeración de artistas con oríxes xeográficas comúns e unha actitude proactiva (ou reactiva) ante a precariedade do sector da arte contemporánea en Galicia, como a todo aquel espectador-lector que apoie e participe de este desexo da arte como utopía social.
A inauguración desenvólvese entre a presentación da revista e unha visita guiada á exposición, a cargo de María Marco (comisaria e editora do proxecto), seguida dun concerto do proxecto Ópera Electrónica "Barroca", composto por Juanma Lodo (electrónica), Nacho Madamme (osciladores) e Lúa Gándara (voz).
Fonte: FAC Peregrina