As salas de exposicións temporais do -ordinal e ordinariamente chamado- "Sexto Edificio" do Museo de Pontevedra acollen as obras seleccionadas e premiadas na novena edición do certame de fotografía convocado pola firma de moda Purificación García.
O xurado, composto por Marta Gili, Manuel Borja-Villel, Chema Madoz, Sergio Mah, Alberto Martín e un representante de Purificación García, realizou unha selección de dezasete entre as máis de novecentas obras presentadas por artistas residentes en España e Portugal. Os premios recaeron nos seguintes artistas:
1º premio. 15.000 euros. Regina de Miguel. Un efecto de verdad. O conxunto Un efecto de verdad de Regina de Miguel (Málaga, 1977) é unha obra complexa na que, entre outros temas, aborda diferentes aspectos relacionados co réxime de visión do fotográfico. En cada unha das pezas que a compoñen aparecen reunidas tres imaxes, das que unha delas corresponde a unha fotografía microscópica relacionada co resultado dunha acción científica desenvolvida pola artista e as outras dúas son fotografías arqueolóxicas que rexistran respectivamente un emprazamento e un vestixio. Contraposición dialéctica de diferentes usos da fotografía na súa vertente máis explicitamente vinculada á infalibilidade e á obxectividade, para articular un discurso crítico sobre o empirismo, sobre a estética da obxectividade e neutralidade da ciencia e do coñecemento, e o uso instrumental da imaxe fotográfica posto ó seu servizo.
2º premio. 12.000 euros. Jaime de la Jara. Place One (Proxecto Anger Moments). A obra Place One de Jaime de la Jara (Madrid, 1972) actualiza con rotundidade consolidadas relacións como as que existen entre fotografía e perfomance, entre a imaxe e a linguaxe formal da escultura, ou entre a fotografía e a estética do ready-made. Place One é o rastro dunha acción na que o acontecemento é a subversión, o desmantelamento da orde aparente das cousas, a liberdade da forma sen finalidade e a desmitificación das figuras do benestar e a mercancía. Unha obra que apela con claridade, fronte á razón e á orde, ó accidental, ó fortuíto e ó aleatorio.
3º premio. 10.000 euros. Zoé T. Vizcaíno. Maelstrom Saltstraumen, 160711 • IN18:1. Un exercicio sobre a paisaxe e a cartografía é a obra de Zoé T. Vizcaíno (México D.F., 1979), pertencente á serie Maelstrom Saltstraumen, na que capta os violentos remuíños de auga xerados polo choque de correntes no vórtice mariño que dá título ó conxunto. A fotógrafa define con acerto cada unha das imaxes que compoñen a serie como unha Unidade de paisaxe, nunha clara referencia á fragmentación do movemento que efectúa a toma fotográfica. Un rexistro cenital e moi elevado, cunha clara intención cartográfica que incide sobre a escala, acentúa o grafismo dunha imaxe que dialoga coa capacidade do medio fotográfico para a descrición e a fixación.
A fin de premiar aqueles traballos que chegaron ó debate final, o xurado decidiu outorgar ademais dúas mencións especiais, sen dotación económica, a Carla Cabanas (Lisboa, 1979), pola súa obra O que ficou do que foi, e a Daniel Blaufuks (Lisboa, 1963), por O jardim de Eugène Delacroix, da serie Um mundo igual a este, mas ligeiramente diferente. Ambas as dúas fotografías teñen en común a referencia ó tempo e á memoria. Ambas obras, que se sustentan sobre a dimensión temporal e rememorativa do fotográfico, fan alusión, por diferentes vías, ó armazón de capas e sedimentos que se depositan na imaxe: o movemento e a inestabilidade da fotografía, como metáfora visual da dialéctica entre resistencia e rexeneración, no caso de Blaufuks, e a incidencia sobre a emulsión fotográfica, facendo confluír o acto de eliminar co de evidenciar, no de Cabanas. Ambas son, en último caso, decididas accións de reescritura da imaxe.
Completan a mostra os seguintes artistas e obras: Vasco Araújo. Who where / Juan Baraja. Sin título, da serie Catedrales / Nuno Cera. Melancholia Studies #2 / Carlos Correia. After Struth; After Velázquez / Díaz Maroto. Edificio Focsa. La Habana, da serie Bloc de notas / Suso Fandiño. Sin título / Nuria Fuster. Hogar / Ignacio Llamas. ST XV, da serie Cercar al silencio / Joâo Louro. Love Scene #05 / Edgar Martins. Central do Fratel: Sala de máquinas, da serie The Time Machine / Álvaro Sánchez-Montañés. Folk / Jorge Yeregui. El herbario. Fundación Cartier, da serie Paisajes mínimos.
A exposición foi presentada e exhibida no Círculo de Bellas Artes, Madrid, na Sala de Exposicións da Biblioteca Central de Cantabria, Santander e no DA2 Centro de Arte, Salamanca. Tras a súa clausura no Museo de Pontevedra recala en Ourense, formando parte da programación do Outono Fotográfico. A itinerancia continúa durante os primeiros meses de 2013 visitando cidades como Valencia e Lisboa.
LINK: Vídeo da inauguración e entrega de premios no Círculo de Bellas Artes, Madrid.
Fonte: Museo de Pontevedra / Purificación García