Este proxecto reúne a experiencia na cidade de Moscova da portuguesa Marta Alvim, os galegos Christian García Bello e Jacobo Bugarín e o arxentino Federico Strate Pezdirc baixo a proposta de 9the13LAB.
A idea do desprazamento persoal a un espazo xeográfico descoñecido ábrese a factores de índole especulativo, nos que ou individuo convértese en protagonista actoral da súa propia existencia pautada, e en xestor animado da súa aceptación na soedade do descoñecido.
Esta realidade psicolóxica, que afecta ao carácter propio, e materializase en situacións de descoñecemento efectivo ante outras realidades obxectivamente disímiles, é particular cando a aceptación da viaxe obedece a suxestións creativas que impulsan a persoa a aceptar un reto, máis alá mesmo da propia acción de afastamento momentáneo. É afrontar unha situación de inestabilidade ante a dúbida, ante a esixencia, ante a necesidade de acoutar en prazos os procesos máis sinápticos da sensibilidade, ata motivalos.
A particularidade de Project Moscow é, sen lugar a dúbidas, o tratamento colectivo dunha acción artística nunha cidade allea que, malia a súa aparente uniformidade de criterio, é profundamente variable, ao conxugar catro individuos con catro personalidades, e cuxos resultados, investigados na mesma localización, nos conciencian da variabilidade dos estados anímicos, da súa influencia no subconsciente, e da transmisión de requirimentos intelectuais entre a sensitividade, a percepción, e a súa conversión en linguaxe.
Contextualizar un proxecto dende a distancia, e sen a influencia inmediata do ámbito, somerxe a persoa nun estado anaeróbico e case de fantasía onde o principal amarre, o respiro e a seguridade, proceden dun mesmo para poder enfrontarse ao caos externo, á agresión do estraño, e á belicosidade incisiva da distancia. Precisamente, nas catro propostas artísticas de Project Moscow, compréndese que a introspección, a análise endémica, e a confrontación coa investigación, resultantes da aceptación do desencontro dende o encontro, xeran nelas unha fecundidade estructurada en torno á dependencia da memoria, do inmaterial, e mesmo da xustificación dun mesmo ante unha sociedade despoxada da habitual seguridade que achega aquela que é diaria ou inmediata.
Fonte: MAC (Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, A Coruña)
Vídeo. Exposición Project Moscow
Christian García Bello. Los 3 estanques. 2012. Vídeo HD. b/n. Son. 8' 25''