Atalaia

PROXECTA. Festival de Fotografía de Vilagarcía de Arousa
> Proxecta 2011. Festival de Fotografía. Vilagarcía de Arousa
Datas: 18/08/2011 - 18/09/2011

Descrición

PROXECTA 2011. Festival de fotografía, Vilagarcía de Arousa

O 19 de agosto, coincidindo co Día Mundial da Fotografía, Vilagarcía de Arousa convértese nunha das capitais peninsulares desta expresión artística e xornalística a través do festival PROXECTA, promovido e dirixido polos fotógrafos Miguel Riopa e José Luiz Oubiña, que xunta a centos de profesionais e afeccionados. O máis salientable deste festival, que acada neste 2011 a súa 4ª edición, céntrase na proxección nocturna ao aire libre, na rúa e sobre unha pantalla xigante, dunha ducia de coleccións doutros tantos autores, con traballos que van desde a perspectiva máis fotoxornalística ata especialidades máis artísticas, publicitarias ou conceptuais. Ademais deste pase principal para o público, os organizadores ofrecen tamén diversas actividades paralelas como exposicións, conferencias e obradoiros nos que participan prestixiosos profesionais do sector.

Programación PROXECTA 2011 :

Xoves, 18 agosto

20.00 h. - Inauguración da exposición Prémio de Fotojornalismo Estação Imagem | Mora 2010, na Sala municipal de exposicións Antón Rivas Briones (rúa Alcalde Rey Daviña, 14). O Prémio de Fotojornalismo Estação Imagem | Mora, promovido pola asociación portuguesa Estação Imagen, co apoio da Cámara Municipal de Mora, está aberto á participación dos fotoxornalistas portugueses e estranxeiros residentes en Portugal. O obxectivo do galardón é promover a reportaxe fotográfica, xénero polo que os xornais e revistas apostan cada vez menos. Máis información en: http://www.estacao-imagem.com/

Venres, 19 agosto

12.00 h. - Inauguración da exposición ao aire libre O equilibrio fráxil, do fotógrafo galego Juan Pablo Moreiras, nas instalacións do Parque Botánico Enrique Valdés Bermejo. Durante os últimos vinte anos Juan Pablo Moreiras percorreu máis dunha trintena de países para captar con fotografías momentos que mostran a relación que existe entre a paisaxe, a fauna e o ser humano. A miúdo, estas fotografías cóntannos dun xeito claro como o home está a destrozar o seu entorno natural.

17.30 h. - Conferencia-proxección de Juan Pablo Moreiras. Auditorio de Vilagarcía de Arousa, Avenida da Mariña, s/n.

22.30 h. - Proxeccións nocturnas ao aire libre, na rúa Rey Daviña. Proxectaránse traballos de trece autores: Xosé Abad, Walter Astrada, Manu Brabo, Daniel Beltrá, Cristina Candel, Vari Caramés, Nelson D’Aires, Nacho Doce, Nacho Gómez, Federico López, Vítor Nieves, Marta Ramoneda e o colectivo Extreme Shooters.

Sábado, 20 agosto

10.30 a 13.30 h. - Proxectiña. Paseo fotográfico (Photowalk) para nenos e mozos entre 8 e 15 anos. Inscricións, saída e máis información na Sala de exposicións SPAF Mr.Misto (rúa Vista Alegre, 32).

Máis información: http://www.festivalproxecta.com/

Fonte: Atalaia / Festival PROXECTA