Proxecta, o Festival de Fotografía de Vilagaría de Arousa, segue a apostar na súa quinta edición pola utilización de espazos urbanos para usos culturais e a exploración de formatos, soportes e espazos expositivos non convencionais en relación ao fotográfico. A fotografía reconcíliase e reencóntrase co público, coa xente da rúa que alimentou as cámaras desde a sua invención. Ese é o principal obxectivo do festival que se celebra cada 19 de agosto, coincidindo co Día Mundial da Fotografía. Deste xeito, a vila arousana convírtese nunha das capitais peninsulares desta expresión artística e xornalística que reúne a centos de profesionais e afeccionados. Segundo os organizadores, os fotógrafos Miguel Riopa e José Luiz Oubiña, o máis significativo do festival é o seu afán de sair á rúa e entregarse por igual a todo tipo de públicos.
Relación de actividades de PROXECTA 2012. 5º Festival de Fotografía de Vilagarcía de Arousa.
Sábado, 18 agosto
16.30 h. Mercadillo fotográfico. Carpas instaladas na rúa Romero Ortiz. O Mercadillo é un lugar de intercambio, venda, xuntanza ou simplemente de fluidez de persoas onde todos os interesados poderán expoñer obxectos relacionados coa fotografía: fotos, vellas cámaras, libros, proxectos, etc.
20.00 h. Inauguración da exposición Prémio de Fotojornalismo 2011 Estação Imagem - Mora, na Sala municipal de exposicións Antón Rivas Briones. O Prémio de Fotojornalismo Estação Imagem - Mora, promovido pola Asociação Estação Imagem –co apoio da Cámara Municipal de Mora-, está aberto á participación dos fotoxornalistas portugueses e estranxeiros residentes en Portugal. O obxectivo do premio é promover a reportaxe fotográfica, xénero fotoxornalístico polo que os periódicos e revistas semellan apostar cada vez menos.
21:00 h. Inauguración da exposición Afganistán, do fotógrafo João Silva (The New York Times), na Sala de exposicións do Auditorio de Vilagarcía de Arousa. Gañador de varios premios World Press Photo, Silva mostra as fotos realizadas durante anos en Afganistán para o xornal The New York Times. Nese país, o fotoxornalista resultou ferido grave pola explosión dunha mina que lle ocasionou a perda das dúas pernas.
22:00 h. A fotografía no cine. Proxección da película The Bang-Bang Club, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. João Silva, Kevin Carter, Ken Oosterbroek e Greg Marinovich formaron na década dos 90 o chamado Bang-Bang Club, grupo de fotógrafos que cubríu o violentos incidentes que acompañaron ao movemento de liberación da raza negra en Sudáfrica, na loita contra o Apartheid.
Domingo, 19 agosto
12.00 h. Inauguración da exposición ao aire libre Solarigrafías, de Diego López Calvin, no Porto de Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa. Diego López Calvin, autor especializado en procesos fotográficos estenopeicos e solarigráficos, presenta unha escolma de fotografías realizadas con pequenas latas convertidas en cámaras fotográficas. Solarigrafía é a imaxe que rexistra a pegada do sol no seu movemento aparente sobre a bóveda celeste. Para o rexistro da imaxe fixa deste movemento, empréganse rudimentarias cámaras estenopeicas cargadas con papel fotosensible en branco e negro, de xeito que as imaxes aparecen sen necesidade de seren procesadas químicamente.
17.30 h. Conferencia de Diego López Calvin na Sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa. Actividade aberta a todos os amantes da fotografía na que o autor dará a coñecer as súas técnicas e experiencias nos procesos estenopeicos e solarigráficos.
22.30 h. Festival Proxecta 2012. Proxeccións nocturnas na rúa en pantalla xigante. Actividade central do festival na que as seleccións de traballos de doce autores son proxectadas nunha pantalla xigante ao ar libre. Os doce autores desta quinta edición de Proxecta son: Orlando Azevedo / Carlos Folgoso / Jorge Lens / Manuel Valcárcel / Alberto Lessmann / Rebeca Saray / José Luis Abalo / Cristina de Middel / Samuel Aranda / Ricardo Moreno / Luis Vasconcelos / Fotógrafos da Axencia Reuters-Thompson (radicados en Portugal).
Fonte: Proxecta. Festival de Fotografía de Vilagarcía de Arousa