Artistas: Luis González Palma, Fran Herbello e Graciela Sacco.
Proxecto Costa da Morte é unha iniciativa de Manuel Sendón como resultado de convidar tres artistas a traballar na zona de Fisterra, sen ningunha esixencia narrativa ou descritiva. Non se trataba de realizar tres reportaxes sobre esta zona, senón de convertela en territorio de creación artística, de xeito que aparecese reflectida só na medida en que eles determinasen libremente en función dos seus proxectos estéticos.
Luis González Palma (Guatemala, 1957, residente en Córdoba, Arxentina), evoca en Ara Solis o mar como medio para a viaxe, o soño e a fantasía. E pide a participación do visitante,a través da escritura nas postais dunha reflexións sobre a viaxe, o mar unha lembranza…
Fran Herbello (Menziken, Suiza, 1977, residente en Aldán, Cangas do Morrazo), presenta Bonito, 18 de xaneiro de 1960, e réndelles unha homenaxe aos mariñeiros afogados do barco Bonito e ao seu avó, morto nas mesmas circunstancias. Deixa de lado os materiais fotográficos convencionais para que o sol produza directamente as imaxes sobre teas negras similares ás empregadas no loito.
Graciela Sacco (Rosario, Arxentina, 1956), aborda con Calquera saída pode ser un encerro os significados tan diferentes que pode ter o mar. Un medio de vida, un camiño para a emigración, pero tamén o causante da soidade ou da morte.
Fonte: Museo do Mar