Atalaia

Lois Pereiro retratado por Manuel Vilariño en 1995
> Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro
Datas: 20/07/2011 - 25/09/2011

Comisariado

Antón Patiño

Descrición

Coincidindo coa concesión do Día das Letras Galegas 2011 ao poeta Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958 - A Coruña, 1996), a Fundación Luis Seoane dedica unha exposición á figura e obra dun autor chave para comprender gran parte da escea cultural galega durante a segunda metade do século XX. Comisariada polo pintor e escritor Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro, céntrase na intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos. Lois Pereiro xerou ademáis unha iconografía de seu a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Nacho Santás e Manuel Vilariño. Unha escolla destas imaxes forma parte da mostra, así como un impactante retrato expresionista do poeta realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño.

Fonte: Fundación Seoane