No seu primeiro traballo de presentación, a organización ou colectivo Radiolópez nos propón unha viaxe cara ese lugar intuído despois dunha montaña, tendo como máxima o concepto estricto de abstracción. A obra que se presenta non pretende facer referencia a nada externo a sí mesma, creando unha realidade distinta á natural que non necesita da representación, senón que a substitúe por unha linguaxe autónoma dotada de significado propio.
Coa intención de xerar unha confrontación co pensamento formulado anteriormente, decidíuse introducir un elemento distorsionador que fixera tremer os alicerces da mostra. Para iso, escolléronse unha serie de imaxes de arquivo que modifiquen ou contaminen a percepción surrealista do proxecto, obscurecido pola distorsión inevitable que suscita no espectador a asociación con obxectos do mundo exterior.
Radiolópez é unha organización cuxo obxectivo é desenvolver, producir e impulsar proxectos artísticos de calquera índole. Esta organización non adoptará ningunha pauta concreta de traballo, forma ou concepto, e utilizará o medio ou disciplina que considere máis axeitado para a resolución de cada proxecto. Radiolópez non ten un número de compoñentes estable, poden ser muitos, poucos, mesmo outros. Todos os compoñentes de Radiolópez traballan para a organización dun xeito anónimo.
Fonte: Galería Bacelos