A obra de Ramiro Fernández Saus (Sabadell, 1961) transcorre á marxe de modas e imposicións de mercados. Tendo en conta a velocidade á que circulan as tendencias e os gustos na sociedade da información global, onde a busca da novidade ou da simple ocorrencia parece constituír un fin en si mesmo, a pintura pausada e franca de Ramiro remítenos a un tempo onde aínda é posible gozar da grandeza das pequenas cousas. Unha aposta sen dúbida arriscada coa que logrou seducir un público fiel ao longo de todo o mundo.
A mostra que presentamos na Sala de Proxectos do CTB consiste nunha colaboración conxunta entre Ramiro Fernández Saus e Susana Cendán, a cal redactou un texto inspirándose nunha serie de pinturas que o artista lle proporcionou previamente. O resultado é unha narración ficticia protagonizada por un can, Bruno, disposto a relatarnos as aventuras do seu amo, o barón Rodolphe Dumont, un espírito libre cuxa vida recolle o romanticismo e o sentido tráxico dos heroes da literatura victoriana.
A traxectoria profesional de Ramiro Fernández Saus está ligada á participación, dende mediados dos anos noventa, en exposicións individuais e colectivas en prestixiosos museos nacionais e internacionais. A súa obra atópase en coleccións como as do MNCA Arte Reina Sofia, Fundación “la Caixa”, Fundación Coca-Cola ou Albertina Museum de Viena, entre outros. Traballa coas galerías Estampa, de Madrid, Long & Ryle Gallery, de Londres, e Marisa Marimón, Ourense.
Fonte: Centro Torrente Ballester