Atalaia

Ramón Conde, dous debuxos da súa persoal versión-visión da Odisea de Homero
> Ramón Conde. Odisea
Datas: 09/11/2012 - 16/12/2012

Artistas

Ramón Conde

Descrición

"Na historia da Odisea, o poeta grego Homero, relátanos como Ulises (Odiseo), rei de Ítaca e marido de Penélope, de volta da guerra de Troia e durante os dez anos que dura a súa viaxe, chega cos seus homes ó país dos ciclopes, rudos xigantes como montañas, cun só ollo central, que vivían pastoreando cabras. Un deles, Polifemo "dotado de extraordinario vigor, salvaxe e ignorante da xustiza das leis", fainos prisioneiros e mata a seis dos gregos. "…Colleu a dous deles e esmagounos contra o chan (…). E devorounos (…) e non deixou nin as súas entrañas, nin as súas carnes, nin os seus osos…", encerrando ó resto dos gregos na cova cos animais. Odiseo consegue emborrachalo con viño, e durmido Polifemo, os de Ítaca crávanlle una estaca de oliva candente no ollo. Logo conseguen saír da cova suxeitándose á la do ventre dos seus "acompañantes" os carneiros, para non ser atrapados polo monstruoso ciclope.

Ó igual que Homero relata por medio da palabra a historia de Ulises no seu periplo, Ramón Conde (Ourense, 1951), faino por medio do debuxo na súa persoal Odisea. Ambas comparten título e ó mesmo tempo narran a historia repetitiva e previsible do home. Dúas historias acontecidas con séculos de diferenza que as afastan e as manteñen distantes no tempo e no espazo. Pero que poderían percibirse como contemporáneas pola súa similitude, delatando fortes puntos de conexión que nos mostran como, a pesar do paso dos anos, do desenvolvemento e da chegada dos múltiples avances tecnolóxicos, a historia, a esencia e a condición na existencia do ser humano, segue sendo a mesma.

No caso do poema épico grego, o seu protagonista, por medio da súa astucia e enxeño –tal e cómo se recolle no Canto IX, Ciclopea, que mencionei ó inicio deste escrito-, logra derrotar á forza e ó poder do ciclope opresor, prevalecendo neste caso a xustiza por riba do acto inxusto. E son este tipo de cuestións que se producen de forma particular entre individuos, entre as relacións interpersoais e de poder que teñen lugar entre as persoas, xunto á sensación de dominio, a inclusión e/ou exclusión no grupo social, as que atraen a Conde e o impulsan a crear.

"Existe a posibilidade e imposibilidade de vivir como individuos illados e autónomos, ou facelo sometidos ás regras do grupo. Ó final sempre queda a dúbida se é a vontade do líder quen as crea, ou o líder é o porque encarna as ideas do grupo". Estas son algunhas das reflexións que o artista galego aporta ó falar desta exposición.

Odisea, que se mostra na galería compostelá A.dFuga, recolle sorprendentemente unha serie de creacións moi descoñecidas no desenrolo da súa lonxeva carreira artística, xa que se inclúen dentro do terreo da gráfica. Trátase dunha serie de debuxos secuenciais que a pesar da súa característica principal, a súa bidimensionalidade, delatan o seu persoal universo e visión dominada claramente pola influencia das tres dimensións. Cada un deles mostra un momento clave na súa experiencia vivencial, na súa autobiografía, nos que toma como punto de partida a soidade e a dificultade no acercamento ó Outro. Non obstante, cada un deles, posúe ese sutil ton crítico tan característico na súa obra dende os seus inicios. Definidos formalmente por un xesto espontáneo e expresivo, xerados polo trazo do negro carbón sobre o papel, o consagrado artista ourensán xera imaxes, que non son máis que testemuñas dos seus máis sinceros sentimentos e sensacións. Un conxunto de obra esencialmente intimista na que podemos apreciar, como un retratado home, avanza de forma impulsiva e instintiva dentro "da escura caverna" -rememorando o mito Platónico- no continuo diálogo e loita consigo mesmo, ata lograr acadar a tan afastada e idealizada saída, a iluminada meta. Unha meta que se augura no seu traballo como cíclica."

Texto: Beatriz Suárez Saá

Fonte: Galería A.dFuga