Reflexarte é un percorrido expositivo a través das infinitas posibilidades do vidro que nos farán reflexionar sobre a súa forza expresiva, vendo o traballo de recoñecidos artistas galegos e portugueses: Soledad Penalta, Tiago Madeira, Manuel Patinha, Paco Pestana, Álvaro de la Vega, Tono Galán, Montse Rego, María Xosé Díaz, Carmen Senande, Acisclo Manzano e Julia Ares. Eles crearon a colección de esculturas que poderemos gozar, feitas exclusivamente para a mostra nos obradoiros da fábrica de cristal El Reflejo, organizadora da exposición.
Ao se celebraren os 75 anos da fundación da fábrica El Reflejo, bota a andar Reflexarte, que amosa arte contemporánea imaxinativa, sorprendente e de calidade a través de obras de gran tamaño, dinámicas e frescas de varios artistas destacados da nosa xeografía e o país luso, realizadas nos propios obradoiros da fábrica. Con estas pezas indagan sobre as posibilidades plásticas deste material e as súas incontables técnicas: laminado, esmaltado, termofusionado, etc.
Alá polo ano 1935 a fábrica de espellos El Reflejo, xermolo desta exposición, nacía na cidade da Coruña, fundada por Jesús Ares e María Bermúdez. Daquela dedicábase exclusivamente aos espellos e acristalamento de edificios e, máis adiante, á creación artística coa técnica do vidro fusionado. Hoxe esta empresa familiar, xa emblemática na cidade herculina, segue a funcionar a pleno rendemento, dirixida pola cuarta xeración da mesma familia, e rexistrando xa varias marcas: Arteviares para vidro artístico, Viladec para vidro laminado decorativo e Glass Factory para modelos estándar.
A vella fábrica que soubo actualizarse e camiñar canda os tempos, é herdeira dunha gran tradición que a levou posuír un encanto orixinal e manter vivo o meco polo antigo, así pois, a maquinaria e as ferramentas coas que comezaron a traballar consérvanse expostas con coidado nun pequeno museo situado na mesma factoría. Respírase auténtica historia en todos os seus recunchos, algo do que son conscientes os novos herdeiros, motivo polo que quixeron compartir agora con nós esta bonita mostra que nos fala do vidro en forma de arte.
Fonte: Novacaixagalicia