Atalaia

Esther Achaerandio. Afirmaciones para atraer el amor. 2009. DV Vídeo, 4 min.
> Region 0. Festival de Vídeoarte Latino de Nova York
Datas: 03/07/2012 - 02/09/2012

Descrición

Artistas participantes: Esther Achaerandio / Carlos Aguasaco / Vicente Blanco / Lucas Borràs / Laia Cabrera / Mar Caldas / Marcos Calvari / Jorge Catoni / Marco Casado / Caroline Conejero / Iván Cortázar / Isabelle Duverger / Nicky Enright / Mireia Feliu Fabra / Félix Fernández & Juanma Carrillo / Laura F. Gibellini / Gianfranco Foschino / Verónica Ruth Frías / Brais García / Cyro García / Raúl Gómez Valverde / Gwenn Joyaux / Diana Larrea / Albert Merino Gómez / Manuel Molina Martagón / Momu & No Es / José Vicente Navarro López / Yaco Neches / Lois Patiño / Patricio Ponce / Txuspo Poyo / Alejandro Ramírez Ariza / Andi Rivas / Sergio Roger / Estíbaliz Sádaba / Mario Sarramián / Antonio Savinelli / Suso33 / Lucía Warck-Meister.

REGION 0. The Latino Video Art Festival of New York é un Festival de Videoarte Latino que se celebrou no mes de marzo de 2011 no Centro Rey Juan Carlos I, New York University. Tras a súa itinerancia por distintas sedes, preséntase no MARCO de Vigo, onde se exhibe ata o 2 de setembro, cun programa de proxeccións que teñen lugar no Salón de actos do museo.

O termo REGION 0 fai referencia a un ámbito mundial nos códigos empregados na gravación e reprodución de DVD. Cando un produto audiovisual se lanza ao mercado restrínxese o seu uso mediante rexións, que corresponden a territorios específicos (por ex. España=Rexión 2, EEUU=Rexión 1, Latinoamérica=Rexión 4). A REGION 0 pode ser reproducida en calquera lugar do mundo, solucionando así o conflito audiovisual entre distintas zonas.

A selección de obras realizouse combinando unha convocatoria aberta e un proceso de comisariado directo. Por unha banda, a comisaria do proxecto encargouse de seleccionar pezas, e por outra, publicouse vía internet unha convocatoria á que se presentaron un total de 147 creadores, latinoamericanos e españois, con máis de 300 pezas de videoarte. A selección final levárona a cabo a comisaria Eva Mendoza e a fundadora e directora do proxecto Laura Turégano, e o proceso de visualización das obras realizouse vía internet.

Nesta a súa primeira edición, REGION 0 dá visibilidade a distintas perspectivas que reflicten un ámbito sociocultural complexo e dinámico no que converxen factores históricos, perceptivos, conceptuais, económicos e tecnolóxicos. Nalgúns casos estas visións xiran en torno ao propio mundo da arte e as súas pautas sociais (Estíbaliz Sádaba, Verónica Ruth Frías & Cyro García), ás estratexias de mercadotecnia (Raúl Gómez Valverde, Félix Fernández & Juanma Carrillo, Carolina Conejero), ou á situación profesional dos creadores (Diana Larrea, Patricio Ponce, Manuel Molina Martagón). Pezas como a de Andy Rivas, Suso33, Lucas Borràs, Brais García ou Marcos Calvari incorporan linguaxes vinculadas a fenómenos mediáticos e culturais.

A paisaxe, tanto urbana como rural, protagoniza a obra de Yaco Neches e Iván Cortázar dende o punto de vista da viaxe. Lois Patiño e Gianfranco Foschino asóciano coa percepción temporal; Albert Merino, José Vicente Navarro López, Laia Cabrera, Isabelle Duverger e Mar Caldas coa visual; mentres que Gwenn Joyaux, Marco Casado, Mario Sarramián e Antonio Savinelli parten desta mesma realidade para chegar a resultados que se achegan máis ao imaxinario. Vicente Blanco aborda a paisaxe dende a súa evolución en termos territoriais, e outros artistas optan por establecer un diálogo histórico, como Txuspo Poyo –co Gran Vidro de Marcel Duchamp- ou Verónica Ruth Frías -con Frida Kahlo.

O concepto de límite entre dous universos está presente nas obras de Nicky Enright e Lucía Warck-Meister, xunto ás propostas individuais de Carlos Aguasaco, Jorge Catoni, Momu & No Es, Sergio Roger, Mireia Feliu Fabra, Esther Achaerandio, Laura F. Gibellini, e Alejandro Ramírez Ariza. En todas elas aparecen conflitos persoais ou personaxes marxinais que se debaten entre dous polos opostos, chegando nalgúns casos á parodia ou ao absurdo.

+ info en http://www.regionzero.net

Link: Vídeo promocional

Fonte: MARCO