Atalaia

Rosa Brun. 2012. Unha vista da exposición na Sala X, Facultade BB.AA., Pontevedra
> Rosa Brun
Datas: 22/03/2012 - 04/05/2012

Artistas

Rosa Brun

Descrición

Un total de seis obras de gran tamaño "inundan de cromatismo" o espazo expositivo de tal xeito que a proposta artística de Rosa Brun (Madrid, 1955), "provoca unha lectura que se estende máis aló do visual, ata o mental". Convidada por Juan Carlos Meana, decano da Facultade de Belas Artes, a artista madrileña conta cunha destacable traxectoria no mundo da arte contemporánea e mantén unha presenza habitual en coleccións públicas e privadas, así como en feiras de arte.

Rosa Brun acudiu ao campus pontevedrés para impartir un obradoiro práctico no Máster de Creación e Investigación en Arte Contemporánea, visita que se aproveitou para convidala a expor na Sala X como complemento á parte docente. "Deste xeito, os alumnos e as alumnas poden coñecer a práctica artística de Brun de preto e en directo, entendendo mellor o que quere achegar coas súas obras", aclara Mar Caldas, comisaria da Sala X. Brun seleccionou para o espazo tres traballos pictóricos de gran formato e outros tres de obra volumétrica e en todos eles borra as barreiras entre escultura e pintura, atravesando os límites dos obxectos. Como se comentou na inauguración, son pezas que continúan na súa liña artística dos últimos anos, baseada na creación de grandes superficies pintadas "dotadas dun cegador monocromo ou compostas por dúas ou tres franxas de cores contrastadas" e en relación harmónica. Tanto é así, que, segundo destaca Meana, "as obras funcionan como unha familia e esa vinculación que as une provoca que o sentido do percorrido pola sala sexa fundamental nesta mostra".

A pesar das formas simples e da disposición "case matemática" que emprega na mostra, Brun logra que o espectador teña unha confrontación física coas pezas, "mantendo unha tensión que nos remite ao momento mesmo da creación e nos traslada a estados inconscientes", apunta tamén Meana. Deste xeito, os críticos de arte non consideran o seu traballo como unha ventá pola que contemplar o mundo, "senón pola que se pode coñecelo".

Fonte: Bea Feijóo (DUVI, Diario da Universidade de Vigo) / Sala X, Facultade BBAA, Pontevedra.