Honoris Causa é a décima, e derradeira, proposta do ciclo Estado Crítico, un proxecto de Xosé M. Buxán Bran iniciado en 2010 na Sala Alterarte (Campus de Ourense, Universidade de Vigo) no que se convidaron a 10 críticos e comisarios galegos á presentación dun proxecto expositivo para o devandito espazo.
O proxecto Honoris Causa (2012) de Rubén Santiago, comisariado por Natalia Poncela, reflexiona respecto á universidade como estructura medial, corporativa e lexitimadora, colocando o foco na categoría máxima de recoñecemento ofrecida por esta institución: o grado académico de Doctor/a Honoris Causa.
Esta proposta convida á reflexión crítica sobre a trama das estructuras regradas, sobre a súa configuración e aparente inamovilidade, tendo como punto de partida a análise de centenares de actos de investidura do rango académico Honoris Causa, atendendo á solemnidade da oratoria, á xerarquía protocolaria, á presenza e á posta en escena de determinados obxectos (o birrete, o anel, o libro, as luvas brancas...) á procura de redefinicións sobre o concepto de poder e pescudando nas interaccións do individuo dentro destes sistemas relacionais.
Na mostra preséntase o vídeo Honoris Causa (de 8 horas de duración que se proxectará na sala tódolos días que dure a mostra coincidindo coas 8 horas do horario laboral), acompañado por unha acción (desenvolvida o venres 14 de setembro de 2012 ás 12 hs. na presentación do proxecto) cos que o artista suliña os espazos de lexitimación que as institucións xeneran.
Dentro da traxectoria artística de Rubén Santiago, o proxecto Honoris Causa insiste no cuestionamento dos sistemas establecidos e na concesión consensuada do valor simbólico aos obxectos, ás persoas ou aos actos; uns intereses amosados, con anterioridade, en obras como Tirar la casa por la ventana (2005), Shangai Express (2006), Turning a public toilet into a spa (2007) ou En Cadena (2009). Así mesmo, ten plantexado insercións nas estructuras xerárquicas e nas tácticas de regulación das sociedades contemporáneas desplazando a noción de propiedade e confluindo na interrogación aos sistemas de poder.
Rubén Santiago (Sarria, 1974) presentou os seus proxectos en espazos institucionais galegos como o CGAC (Santiago de Compostela), MARCO (Vigo), Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) ou Fundación Caixa Galicia (A Coruña), así como tamén no Círculo de Bellas Artes (Madrid), Centre d'Art Santa Mónica (Barcelona), CCCB – Centro de Cultura Contemporánea (Barcelona), Museo de Bellas Artes (Bilbao), Galerie Nationale du Jeu de Paume (París), Národní Galerie (Praga), Museo de Bellas Artes de Venezuela (Caracas), CCEBA (Buenos Aires), Instituto Cervantes (Beijing) ou nas galerías Fernando Santos (Oporto), Zé dos Bois (Lisboa), Luis Adelantado (Valencia), Llucià Homs (Barcelona) ou DF (Santiago de Compostela), entre outros moitos espazos. Dous dos seus últimos proxectos, desenvolvéronse no espazo público como a súa intervención Cálculo (2010) no ciclo A Cidade Interpretada (Santiago de Compostela) ou Long drop into water (2011) dentro de Iteration Again promovido polo Contemporary Art Spaces, Tasmania (Australia).
LINK: Canal YouTube de Rubén Santiago. 9 vídeos do proxecto Honoris Causa
Fonte: Sala Alterarte