Unha luz eclipsada anega as paisaxes de Rut Massó. Nos cadros da súa serie Waldenmetall obxetos e formas abstractas parecen flotar nun espazo anegado, arolados polas mareas da súa propia desolación, “un espazo furtivo, cargado de tormento, de sinsentido, esquecemento e ‘terribilitá’ según palabras de Alberto Ruíz de Samaniego. Escenarios sumidos en tenebrosas tebras nos que Rut Massó non fai outra cousa que “acender candelas”, forzar ademáns e contraluces, acenos estes conxelados no escorzo manierista dun forzado halo luminoso que remata por tisnar os rostros cunha expresión grotesca que é toda unha declaración de principios: o sarcasmo –feixe de sinsabores- será a nosa balsa de náufrago. Xogamos a asustarnos para vencer o medo.
Nunha sorte de novo rizo barroco posto en marcha pola perversa lóxica das equivalencias gráficas, a reglamentaria caveira dos vanitas deveniu –véase senón a instalación amosada no MARCO (Vigo) na exposición O bosquexo do mundo- na esfera paródica, globo de cómic, o gato de Cheshire fruto dun mal viaxe lisérxico; ao tempo que no espazo pechado da fraga tenebrosa abriuse un clareiro, unha cesura, ferida na que sangran escintilantes as estrelas: cirios de penitente ou fachos de aquelarre. Cada espectador que aguante a súa vela.
Texto: Ángel Cerviño