Atalaia

Santi Jiménez. Da serie La voluntad no lo es todo. 2012. Debuxo dixital
> Santi Jiménez. La voluntad no lo es todo
Datas: 02/02/2012 - 23/03/2012

Artistas

Santi Jiménez

Descrición

Na mostra La voluntad no lo es todo, Santi Jiménez (1979, Santiago de Compostela), presenta unha proposta moi persoal, cargada dun lirismo extremo e, ante todo, moi coidada e esencial. Renuncia o artista ao superfluo, evitando caer en excesos innecesarios que só servirían para recargar unha realidade xa de seu saturada. Así, trae a colación, sen poder evitalo, uns sentimentos que alberga toda unha xeración á que pertence, que diante da vida tan complexa e surrealista que lle tocou vivir, se reinventa e non se detén diante das adversidades, manifestando a súa desolación e intranquilidade, pero tamén demostrando a procura continua dunha solución. Unha solución que non pasa só pola vontade, senón tamén polo máximo esforzo, algo que se traduce nunha consumada meticulosidade, un perfeccionismo moi evidente, unha meditada composición, unha estudada selección cromática e, en definitiva, nun virtuosismo de tal alcance que nos revela algo moi interesante: que o artista non se rendeu.

Na Galería Espacio48 preséntanse as súas últimas pezas, unha serie de debuxos dixitais cunha forte mensaxe reivindicativa, pero ao mesmo tempo tremendamente poéticos e desposuídos de todo artificio, sen atisbo de desesperación, a través dunha expresión privada por completo de bagatelas, irónica e audaz; suxerente ata o extremo en que as súas representacións dinnos máis polo que ocultan que polo que mostran abertamente.

Santi Jiménez (Santiago de Compostela, 1979) licénzase en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na especialidade de Escultura no ano 2002. Comeza a súa andaina artística investigando en cuestións de xénero, cunha fotografía provocativa e provocadora como base, para pasar a elaborar fotocolaxes transgresores e desembocar, progresivamente, no emprego das novas tecnoloxías como medio de expresión, levando a cabo pezas dixitais traballadas virtualmente aínda que, ao mesmo tempo e dun xeito moi persoal, cunha proximidade evidente ao debuxo na súa concepción máis tradicional, pero dende unha perspectiva moi actual. No ano 2005 é premiado cun Accésit do IV Premio Auditorio de Galicia de Novos Artistas (Santiago), o que determina o seu devir no ámbito artístico. A súa traxectoria está salpicada de mostras individuais de gran forza como a súa intervención Sin la menor idea, en 2007 no Espazo InSitu da Fundación Granell; El ladrón de atardeceres, no mesmo ano na Galería Espacio48, ou Albergues transitorios, na compostelana Zona C, no ano 2008.

Texto: Cristina Moreiro

Fonte: Galería Espacio48