Atalaia

Santi Vega. Berlín, da serie Airports. Fotografía impresa en papel Canson Rag Photographique, montada sobre dibond. 60x40 cm.
> Santi Vega. Airports
Datas: 21/06/2012 - 22/08/2012

Artistas

Santi Vega

Descrición

Exposición individual fotográfica de Santi Vega (1969, A Rúa de Valdeorras, Ourense), que mostra parte das obras pertencentes á serie Airports, presentada sobre un soporte de papel a base de fibras de algodón, que, xunto coa calidade técnica, aporta unha sensación pictórica e cálida das imaxes. Trátase dun pequeno percorrido por diferentes aeroportos internacionais cunha visión íntima e sosegada do cotián, bañada polo superfluo, o anodino e a celeridade do día a día. O artista foi captando momentos vividos nas súas viaxes coa intención de atrapar a beleza do instante. Os pequenos detalles que se nos escapan desapercibidos pola vértixe dos ritmos de vida, os lugares de paso nos que Santi Vega é capaz de deter o tempo e obter a imaxe dun instante efémero para facelo protagonista.

Santi Vega presenta tamén en Airports un interese polos espazos arquitectónicos e os elementos estruturais e decorativos da enxeñería, captando unha atmosfera subxectivada pola cor e a iluminación na que obtén a harmonía dun ambiente íntimo e persoal, en espazos públicos e fríos; é a búsqueda dunha espiritualidade presente en cada momento. Ao mesmo tempo fixa a súa atención na representación humana na súa forma máis etérea, fráxil e sutil, con figuras difuminadas, casi fantasmagóricas, onde se chega a deformar a realidade e o medio, e a confundir o terrenal e material co espiritual e psicolóxico. É un traballo de contrarios enfrentamentos, o público frente ao íntimo, o exterior frente ao interior, o alleo fronte ao personal, o cotián fronte ao inusual, a grandeza fronte ao detalle…

A serie fotográfica presenta unha composición rigorosa, estable, equilibrada e harmónica cunha perfecta técnica onde a superficie das imaxes está exenta de ruido e de gran, cuxa exposición e enfoque son precisos e a súa luz é suave e integral. Son fotografías pictóricas -pictorialistas-, baseadas na cor e na luz cunha figuración limpa resultante do emprego da xeometría, composición e deseño, contrastada co emprego de filtros e o uso dos difuminados provocados, que xeran novas atmosferas e estimulan a imaxinación. Deste xeito, Berlín, Barcelona, Oporto, Madrid e Roma, son presentados desde un punto de vista subxectivo e elegante.

Fonte: Galería About Art