Atalaia

Sebas Anxo, Sen título, 2011, da serie “Trans-form.as”
> Sebas Anxo. Trans-form.as
Datas: 14/04/2011 - 03/06/2011

Artistas

Sebas Anxo

Descrición

O novo proxecto que Sebas Anxo (A Modia, Cambados, 1971), presenta na galería Espacio48 insiste no colaxe como medio de expresión esencial, complementando este con pintura, debuxo e outras técnicas que converten a súa obra nunha interesante combinación baseada na técnica mixta. Continúa o artista a súa indagación sobre as formas, profundando cada vez máis na transformación paulatina que van sufrindo os personaxes que aparecen e desaparecen no soporte, entre as distintas capas de papel. A obra de Sebas Anxo é froito dunha profunda pescuda levada a cabo no seu taller, no que van xurdindo harmónicamente todo tipo de elementos que se mesturan e conxenian á perfección: signos, liñas, manchas atopadas, figuras antropomorfas, rostros reinventados e formas azarosas, que van plasmándose sobre o papel pintado e “maltratado” co que o artista se atopa durante o proceso creativo, momento no que redescubre figuras e recortes “transformados” sen remedio, con singularidades de obras anteriores, lembranzas indelebles do imaxinario que forma parte inequívoca da súa obra. Os cadros de Sebas Anxo exceden o eclecticismo indiscriminado para ser un reflexo do estoupido de posibilidades da realidade. O cadro é idea reguladora na desesperada loita pola transformación, -un leit motiv que atopamos ao longo de toda a súa traxectoria artística- co obxectivo último de acadar a liberdade e a felicidade.

Fonte: Galería Espacio48