Slow motion é unha mostra colectiva organizada en dúas partes dentro das salas do Centro Torrente Ballester. A primeira deixa ver o traballo do fotógrafo Jesús Madriñán. A segunda, presenta obras do galego Rubén Ramos Balsa, do salmantino Javier Nuñez Gasco, e dos brasileiros Rosana Ricalde e Marco Giannotti.
Esta exposición recolle traballos que falan das continuidades temporais rotas, con percursos que se rompen e estruturan novamente, deixando apreciar unha nova dinámica compositiva en relación a un espazo temporal ralentiño.
Slow motion ou movemento lento é unha expresión que percorre o ámbito das belas artes, o cinema e o audiovisual, en relación a unha técnica consistente en diminuíla velocidade de tránsito das imaxes en movemento. Unha sucesión que normalmente fai referencia a unha continuidade temporal con un camiño que se rompe e se estrutura novamente, deixando apreciar unha nova dinámica compositiva en relación a un espazo temporal ralentiño. Unha lentitude que alenta a aparición dunha sucesión pausada de imaxes que xeran un novo obxecto narrativo.
O Slow motion asóciase normalmente ao vídeo como medio de expresión, o movemento implícito, fai que a terminoloxía sexa a adecuada a un medio que permite a creación dun discurso temporal. Non obstante, antes da integración da expresión no vocabulario técnico máis socorrido do audiovisual, o arte e o cinema contemporáneos, a idea de Slow motion suxería outras evocacións. En Slow motion séntese o eco de moitísimas formas e actitudes que pasan desapercibidas normalmente nos momentos nos que a apreciación temporal se adecúa a un tempo de transcurso que se relaciona ben co decorrer cotiá.
Na exposición poderán verse obras do artista Jesús Madriñan correspondentes as series Good Night London e La Finca. Na serie Good Night London, Jesús Madriñán provoca unha parada dentro do movemento xeral do ambiente da discoteca, un espazo de toma de aire, de pausa para os personaxes dentro da escena correspondente. A presencia da cámara forza unha pose que non remata de asentarse, de fixarse como permanente. Na serie La Finca, a idea de quietude fronte ao movemento, o recollemento nos espazos familiares, funcionan como recordatorio, como medio de introspección do propio artista fronte as vivencias familiares ligadas a un espazo.
Rubén Ramos Balsa pola súa parte presenta dúas obras, Ver e Sen título da serie Papeis nas que o artista traballa a idea de cambio, de mutación, o fluir lento do tempo como motor da aparición das diferencias.
Javier Nuñez Gasco pola súa banda en Prótesis para una bailarina, expón unha acción na que o seu corpo actúa como elemento paralizador da danza dunha bailarina.
Marco Giannotti amosa o movemento lento do espazo artístico no feito pictórico e Rosana Ricalde aporta coa súa obra da serie Mares a confluencia da linguaxe coa forma, como medio de conformación do pensamento e a creación da imaxe propoñendo un espazo de ritornello na creación dunha imaxe das ondas do mar.
Fonte: Centro Torrente Ballester
Vídeo sobre a exposición (TVG)