Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971), é un dos artistas máis destacados e recoñecidos da súa xeración. A súa obra, case sempre irónica, traballa co medio artístico como material, cuestionando o obxecto artístico e a figura do autor dende os máis diversos soportes. Para iso é habitual o uso do texto ou os elementos de reminiscencia escolar, ambos xogan un papel nuclear establecendo xogos de sentido e metáforas abertas entre os modelos de aprendizaxe e a figura do autor nos nosos días.
Para esta exposición preparou varias propostas en vídeo e instalacións creadas especificamente para o espazo do PALEXCO, con referencias aos materiais de estandarización escolar utilizados para a aprendizaxe da escritura, como metáfora e ao mesmo tempo como analoxía da arte e as súas contradicións. Por outra banda, preséntase tamén unha recopilación dos seus últimos traballos sobre papel, onde se aprecia o seu labor máis relacionado co debuxo e a escritura. En toda esta serie observamos unha recurrencia polo eliminado mediante o tachón ou a goma de borrar, seguindo en todos estes traballos unha continua reflexión sobre a figura do autor e o seu papel actual.
Fonte: Concellería de Cultura. Concello da Coruña