Atalaia

Idoia Cuesta
> Taller de Idoia Cuesta
Datas: 23/10/2015 - 24/10/2015

Artistas

Idoia Cuesta

Descrición

A deseñadora Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014, ofrece un taller durante dous días na Fundación Luis Seoane. Nada en Euskadi e afincada en Lugo, o traballo da creadora Idoia Cuesta mestura a tradición e experimentación a través da cestería e do téxtil. Partindo da tradición e das técnicas tradicionais, a deseñadora foi quen de dar forma a un novo concepto de artesanía, investigando e experimentando constantemente co tecido, e transformando as materias e os volumes para dar renda solta á súa creatividade no deseño de novas liñas e produtos aplicables a diferentes ámbitos, como a decoración ou a moda. Precisamente, o taller que imparte a creadora durante esta fin de semana dentro do proxecto CIDEA do Concello da Coruña, afonda na aplicación das técnicas de cestería en diferentes ámbitos como o deseño de interiores, a arquitectura, o mobiliario urbano, paisaxismo, etc. O propósito desta actividade é ofrecer aos participantes a oportunidade de deseñar estruturas específicas para o seu emprego dentro da propia Fundación Luis Seoane.

A visión innovadora do traballo de Idoia Cuesta viuse recoñecida no ano 2014 coa concesión do Premio Nacional de Artesanía. Ao longo destes case dezaoito anos de traxectoria, a deseñadora levou a cestería a novos escenarios como a Pasarela Cibeles, a Gala Lucus Moda ou a feiras internacionais como en París, Frankfurt, Londres ou Estocolmo, ademais de colaborar con outros creadores como Sara Coleman, Arturo Álvarez ou Uqui Permuy, e máis recentemente, con firmas como Loewe.

Fonte: Fundación Luis Seoane