O Equipo FAC viu na proposta de Violeta Janeiro de facer un FAC Convidadxs unha interesante oportunidade para o achegamento inédito, ata o momento en Galicia, á realidade das circunstancias do traballo de creación contemporánea de artistas de diferentes estratos residentes todos eles en Shanghai. Tea Artists, ademais de abrir a segunda temporada do FAC Peregrina, contribuiu activamente á creación de novos contactos e ao enriquecemento das nosas relacións profesionais.
"Da man do fotógrafo Xepo W.S. fomos coñecer a algúns dos protagonistas da escena artística contemporánea en Shanghai. O noso traballo pretende indagar na situación que vive a arte nunha das megalópoles do mundo que está a ter un crecemento económico e cambios na súa sociedade nuns tempos récord e que, polo tanto, está no punto de mira de moitos. A nosa intención é a de abrir unha ventá ao fenómeno da arte contemporánea na China, desmontar algúns falsos mitos e presentar a algúns dos seus protagonistas. Para levalo adiante, entrevistamos e fotografamos a unha ducia de artistas de xeracións, ámbitos e éxito diferentes.
A fotografías de Xepo mostran sen ningún tipo de artificio, e coa luz natural, ao artista coa súa obra, só así o seu discurso fáise sinceiro, e dalgún xeito materializamos a súa sensibilidade, por iso entrevistamos a personaxes moi diferentes entre si: temos ao artista establecido (Yang ZhanZhong), ao que está a despuntar nestes momentos (Yang YongLiang ), á nova (ZhiYing), ao best seller (Chen Qiang), á escultora (Gaoshan), ao new media (YongLiang), ao colectivo Made in (con Xu Zhen á cabeza), a un estranxeiro (Girolamo Marri), etc. A partir destas fotografías, obtemos diferentes perspectivas sobre o mundo da arte na China, e eles, os artistas, son os protagonistas. Ademais de fotografalos coa súa obra, os artistas posan nos seus estudios, e así coñecemos o seu entorno de creación, cáles son as súas esixencias e engadimos un pouco de fetichismo cando nestas imaxes aparecen elementos difíciles de atopar en estudios de artistas europeos.
Escollimos o nome de Tea Artists para este proyecto porque sempre nos reciben cun té, que bebemos xuntos coa súa consecuente cerimonia mentres os entrevistamos. Un tópico, pero así é. En definitiva, a intención do proxecto é achegar a realidade cultural chinesa a través dun acto de comunicación que expoña a situación da arte contemporánea no xigante asiático e de cómo a recibimos aquí, en Europa.”
Texto: Violeta Janeiro Alfageme
LINK: Vídeo-cápsula sobre a exposición Tea Artists
Fonte: FAC Peregrina